O Concello de Boiro executa obras para completar a urbanización da rúa Tenencia, unhas actuacións contempladas no proxecto de urbanización das rúas Tenencia e Pesqueira, financiadas con cargo ao Plan Único Concellos (POS+ 2022) da Deputación da Coruña. O alcalde, José Ramón Romero, e o concelleiro de Urbanismo e Obras, Luís Ruiz, visitaron este venres 16 de decembro o lugar onde se executan os traballos.
Segundo sinalaron, as actuacións que se están a realizar en Tenencia teñen como finalidade “completar a urbanización dunha rúa que se atopa no pleno casco urbano de Boiro”. En concreto, estase a executar unha nova rede de recollida de pluviais e, ademais, achegarase un novo pavimento de lastras de formigón e lousas de pedra para a regulación das rasantes.

O proxecto vaise completar coa urbanización da rúa Pesqueira, no núcleo de Cabo de Cruz, onde se vai realizar unha nova rede de recollida de pluviais e un novo pavimento de lastras de granito e lousas de pedra. “Con este proxecto melloramos vías moi transitadas e que se atopan en núcleos de poboación importantes e dan servizo a moitos veciños e veciñas” afirmou o alcalde.
As dúas actuacións que forman parte do proxecto están financiadas mediante o Plan Único Concellos (POS+2022) da Deputación da Coruña e ascenden a un importe de 98.555,73 euros.



