O Concello de Porto do Son abriu este luns 12 de decembro o prazo para que a cidadanía se inscriba na primeira edición do Concurso de Nadal de Iluminación Exterior de Vivendas. O certame, segundo informaron fontes do Consistorio, vén con premios para as mellores tres propostas: unha cesta de Nadal valorada en 150 euros, unha cesta de Nadal de 100 euros e un lote de produtos de Nadal valorado en 50 euros.
As inscricións ficarán abertas até o 16 de decembro, a través da conta de correo concursoiluminacionnadal2022@gmail.com. Para participar será preciso que as veciñas e veciños envíen un vídeo no que se aprecie toda a decoración e iluminación das vivendas participantes (e no caso de que o vídeo pese demasiado e non sexa posíbel adxuntalo por email deberase enviar cunha ligazón directa onde estea aloxado). Poderán participar neste concurso todas as persoas veciñas de Porto do Son que decorarán o exterior dos seus domicilios situados no termo municipal coa iluminación e/ou os motivos de Nadal (apreciábeis dende a vía pública). Teñen toda a información na web municipal, www.portodoson.gal.




