A Xunta impulsa a primeira Lei de Ordenación do Litoral de Galicia para conseguilo pleno autogoberno sobre a súa costa

15 Setembro 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciu hoxe que a Xunta impulsará a redacción da que será a primeira Lei de ordenación do litoral de Galicia. Trátase, segundo explicou, dunha normativa que nace co obxectivo principal de buscar o autogoberno pleno e a ordenación da franxa costeira e de asumir o papel de xestión que lle corresponde no exercicio dunha das súas competencias exclusivas máis significativas e identitarias. “Tal e como avalou o Consello Consultivo temos plena capacidade para a xestión do noso
litoral. Ninguén coñece a costa galega mellor que os propios galegos”, subliñou o titular do Executivo galego.
Fronte ás últimas medidas e reformas aprobadas polo Goberno central desde 2018, co fin de impoñer unha interpretación cada vez máis restritiva da Lei de costas, Rueda subliñou que a decisión avaliada hoxe polo Goberno galego quere dar certezas ás empresas e proxectos do litoral. Neste sentido, cómpre lembrar os cambios introducidos na duración das concesións no dominio público a través da Lei de cambio climático, ou a modificación neste verán do Regulamento de costas, que elimina na práctica a posibilidade de prórroga extraordinaria para as industrias do mar.
Igual que xa fan outras comunidades, Rueda explicou que o Goberno autonómico quere resolver cunha norma propia e adaptada á realidade galega os problemas que está a provocar esta situación desde o punto de vista da xestión da franxa litoral e do exercicio das políticas públicas autonómicas, xa que o criterio do Estado a este respecto “está a poñer en risco proxectos estratéxicos para a nosa comunidade, industrias clave para Galicia e mesmo o modo de vida de moitos galegos e galegas”.
En consecuencia, os obxectivos que busca a Xunta coa futura lei son regular a franxa litoral desde unha tripla perspectiva ambiental, social e económica, achegando ademais para a súa elaboración o coñecemento e a experiencia de quen mellor coñece a costa galega.
Así mesmo, a normativa promóvese para outorgarlles seguridade xurídica aos titulares de instalacións xa existentes no dominio público marítimo-terrestre ou que queiran implantarse nela, e definir para tal fin que actividades e usos pode albergar cada zona da costa a través dunha planificación por tramos segundo as características de cada unha.
Con estes obxectivos de partida, o Consello da Xunta de Galicia acordou hoxe someter á consulta pública previa durante un mes a elaboración da Lei de ordenación do litoral de Galicia. Unha vez finalizado este trámite, que comezará o día 16 de setembro, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abrirá unha rolda de contactos con todos os sectores afectados pola regulación costeira para tentar buscar o máximo consenso ao redor do futuro texto normativo.
En todo caso e tendo en conta que hoxe se deu o primeiro paso para a elaboración da futura norma, o anteproxecto deberá incluír entre os seus contidos a definición e concreción da franxa costeira sobre a que Galicia ten competencia exclusiva e regulará o sistema de planeamento do litoral, dun modo xerarquizado e diferenciado, tendo en conta que non todas as zonas se poden planificar de igual xeito.
Así mesmo e con respecto aos usos e ás posibilidades de ocupación da costa, identificaranse as actividades estratéxicas e prioritarias para Galicia nesta franxa co fin de ordenar o seu desenvolvemento con espazos adecuados e garantindo a protección do litoral; xestionaranse as actividades permitidas, definindo os criterios para outorgar novas concesións e autorizacións; e regularanse os posibles cambios de uso na zona de servidume de protección co fin de recuperar edificacións costeiras tradicionais de gran
valor para Galicia como elementos claves da historia e da fisionomía do seu litoral.
Tamén, e co fin de avanzar na simplificación administrativa, a futura lei regulará un procedemento integrado para o exercicio de actividades na franxa litoral, que permita obter nun único trámite os diferentes permisos ou autorizacións que sexan necesarios.

Outros artigos

“Desde la ventana”. Mario Clavell

En este martes laborable miro desde mi ventana de trabajo el valle del Sarela, monte Pedroso detrás, los cultivos agostados debajo, el barrio de Casa Novas y la Casa del Presidente. Nubes de otoño y algunas gaviotas que planean. Chopos y plátanos amarillean en este...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.