O paseo da praia da Torre en Rianxo acolleu este 27 de xullo a inauguración oficial da terceira peza plástica de Mar Diverso , o festival de arte inclusiva e patrimonio costeiro da Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional, financiado polo GALP da Ría de Arousa. O equipo de Vaciocero e a artista plástica Teresa Ramallo foron as encargados de presentar e dirixir os seus traballos artísticos inaugurados no paseo rianxeiro nesta terceira xornada de Mar Diverso.

A apertura do evento volveu estar a cargo de Vaciocero , un equipo multidisciplinar que estivo traballando co grupo de arte de Ambar formado por Ramón, Elena, Mila, Miryam, Carmen, Sonia, Esperanza, Victor, Manola e Mónica. Xuntos encargáronse de realizar unha acción colaborativa acompañando cada unha das obras plásticas que se estrean no festival.
Seguindo a acción colaborativa, Basilisa Fiestras, integrante do equipo de Vaciocero, explicou o sentido e a intención da obra artística: “Queríamos crear algo que dialogase co espazo. O equipo forma unha peza única en directo, de maneira que o proceso e tan importante como o resultado final, unha obra moi especial que interactúa co espazo natural”.
Milagros Rey, presidenta de Ambar, agradeceu ao Concello de Rianxo a súa acollida: “Grazas por nutrirnos de todo o necesario para a creación destas pezas, é un traballo feito con moita ilusión xa que este ano estamos de celebración polo 40 aniversario” . No seu discurso fixo unha mención especial a Zeltia Iglesias, técnica de inclusión de Ambar: “Quero felicitar a Zeltia polo seu labor, xa que dende o primeiro momento envorcouse completamente dando sempre o mellor de si mesma.”

Seguido do discurso de Milagros Rey seguiu Carmen Figueira, representante do Concello de Rianxo, quen agradeceu e felicitou a Ambar por “esta iniciativa tan especial e única”.
A continuación, Teresa Ramallo presentou a obra que dirixiu co equipo de arte de Ambar formado por Manuela, Gonzalo, Juan, Calo, Ángel, Daniel, Alejandro, José Mª, Irene, Iria, Iván, Javier, Jesús e Manuel. “A obra está inspirada en Rianxo e no seu mar, especialmente no paseo de Taragoña, un lugar cheo de historia como a que se atopa por exemplo no Castelo da Lúa” explicaba a artista, engadindo que “ás veces centrámonos no de fóra e non damos importancia ao que temos aquí que é marabilloso”. Citou, para finalizar, unha frase de Manuel Antonio, poeta local: “Agora en terra, arrendado de min mesmo, por un océano de singraduras, o vento da ría vai virando a folla de cada emoción”.
A obra plástica inaugurada foi realizada cuns debuxos en tea, suxeitada por unha corda que recorda á vela do veleiro: “Foi unha idea que me achegou Manu Mimé, responsábel de arte de Ambar, a cal me pareceu moi boa para integrar toda obra”, comentou a artista.
A obra pode verse no paseo da praia da Torre en Rianxo onde está instalada.
Entre outras propostas programadas para o longo da semana, mañá xoves 28 ás 12.30 horas, inaugúrase unha obra escultórica dirixida por Mar Ramón na praia das Salinas, Illa de Arousa. Síguelle Fran Sieira que presentará a obra escénica que inaugurou Mar Diverso o pasado venres en Cambados, nesta ocasión este venres 29 na Porta do Sol de Ribeira ás 22:15. Por último, Óscar Aldonza será o encargado de pechar Mar Diverso, o domingo 31 coa inauguración doutra obra escultórica, ás 12:30 no Mercado de Abastos da Pobra.



