Titiriberia continúa este xoves cun programa de cinco representacións

27 Xullo 2022

O Festival Titiriberia segue a súa programación en Rianxo nesta recta final de xullo, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Rianxo, da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. Este xoves 27 de xullo o certame vén cun programa de cinco funcións que abrangue as parroquias de Asados, Isorna e Araño, a obra Paral.lel 55 de Títeres desde Abajo no Auditorio Municipal e un espectáculo itinerante polas rúas da localidade rianxeira da compañía Seisdedos.

A actividade comezará así ás 12.00 horas da man da formación portuguesa Teatro e Marionetas de Mandrágora, que representará no Campo do Souto en Isorna Teatro de Robertos. Trátase dun espectáculo no que se percorre a tradición do Dom Roberto, personaxe equivalente no país veciño ao noso Barriga Verde. O grupo luso volverá actuar cun segundo pase desta obra ás 20.00 horas no Centro Sociocultural A Capela do Araño. Ao seu remate, Teatro e Marionetas de Mandrágora ofrecerá un encontro postfunción co público para achegarse en profundidade a historia do Dom Roberto.

Ás 12.00 horas no Parque de Santa Lucía de Asados terá lugar a función nº8 Rúa dos Contos, espectáculo da histórica formación Trécola, que celebra en Titiriberia o seu 40º aniversario. É unha peza clásica dos bonecos galegos, cunha longa historia e traxectoria.

Ás 21.00 horas chegará a quenda de Seisdedos Marionetas, que ofrecerá polas rúas de Rianxo o seu espectáculo itinerante O cego dos monifates.

Por último, ás 21.30 horas a Sala Arcos Moldes do Auditorio Municipal de Rianxo recibirá a Títeres desde Abajo, que presentará o seu espectáculo Paral.lel 55. Trátase dunha comedia para adultos que rememora a Folga de Canadiense, un dos feitos máis relevantes dentro do movemento obreiro en España.

Programa completo na web: www.tititiriberia.com.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión