O parque nacional das Illas Atlánticas promoverase este verán como destino turístico ‘Starlight’ con actividades gratuítas de observación astronómica

23 Xullo 2022

O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia alberga un verán máis unha completa programación de actividades astronómicas co obxectivo de diversificar o seu uso público e dar a coñecer entre os visitantes unha parte destacada dos seus recursos naturais: o ceo.

Por sexto ano consecutivo, a Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía (Fegar) encargarase de dirixir e coordinar as distintas accións de dinamización previstas para difundir os valores que desde o ano 2016 acreditan a este espazo natural como destino turístico Starlight. Para logralo, Fegar contará coa colaboración e apoio loxístico do persoal do Parque Nacional no desenvolvemento das actividades, de carácter gratuíto e dirixidas a distintos sectores da poboación, incluído o público infantil.

Cómpre lembrar que os destinos Starlight —un selo avalado pola UNESCO, apoiado pola Unión Astronómica Internacional (IAU), a Organización Mundial de Turismo (UNWTO) e outorgado pola Fundación Starlight— son lugares visitables que gozan dunhas condicións óptimas para a contemplación dos ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, resultan especialmente axeitados para albergar todo tipo de actividades turísticas baseadas neste recurso natural.

Neste sentido, a programación astronómica prevista para este verán nas Illas Atlánticas —que comezou o pasado 1 de xullo e prolongarase ata o 11 de setembro— inclúe observacións tanto diúrnas como nocturnas durante as que se porá a disposición das persoas participantes material óptico de última xeración e equipos electrónicos.

Así, as actividades programadas para a mañá levaranse a cabo entre as 13,30 e as 14,00 horas e centraranse na observación solar a través dun telescopio solar en lonxitude de onda alfa, co fin de ver as protuberancias e a evolución das manchas solares, ademais do tránsito de diferentes obxectos celestes.

Así mesmo, a observación astronómica en sentido estrito desenvolverase polas noites, concretamente no Lago dos Nenos e na Pedra da Campá no caso das illas Cíes, e en Caniveliñas na de Ons. Adicionalmente, tamén se realizará unha serie de actividades de exploración de corpos celestes dirixidas a nenos así como de observación de meteoritos, incluíndo a chuvia das Perseidas do mes de agosto.

A programación chegará aos catro arquipélagos, aínda que a oferta concentrarase en Cíes, onde se realizarán estas quendas: as fins de semana de xullo, e do 1 ao 31 de agosto; e os dias de setembro 3, 4, 10 e 11 . En Ons, con actividades programadas do 1 de agosto ata o 15 de agosto. As accións en Sálvora e en Cortegada aínda están sen pechar, polo que se irán concretando as datas, que en principio serían dúas fins de semana de setembro. As actividades terán quendas de mañá para observación solar, e quendas nocturnas con charlas e observacións dos ceos.

Para poder participar nalgunha destas accións, os interesados deberán inscribirse previamente na propia illa e os grupos organizaranse in situ. Ao ser actividades ao aire libre, en todo caso, a súa celebración dependerá das condicións meteorolóxicas de xeito que este calendario é susceptible de sufrir posibles alteracións.

Na tempada 2021, a participación nas actividades do programa de dinamización de destinos Starlight realizadas nos arquipélagos incluía dous tipos de actividades: observacións solares e astronómicas nocturnas, que chegaron a 7.500 persoas. Como novidade, o cámping das Illas Cíes foi declarado este ano aloxamento turístico Starlight 2022, adquirindo así compromisos de melloras de iluminación, educación e sensibilización.

Destino Starlight desde 2016

Cómpre lembrar que o Parque Nacional das Illas Atlánticas é destino Starlight desde o ano 2016, de aí a importancia de actividades coma estas, que buscan difundir os valores do ceo nocturno do arquipélago e promover a observación das estrelas desde as illas.

Ademais, a finais de 2015 tamén recibiu a Carta Europea de Turismo Sustentable (CETS) en recoñecemento ao seu compromiso activo cunha actividade turística de calidade. As accións de observación e divulgación astronómica programadas para xullo, agosto e setembro enmárcanse nos obxectivos da CETS, que busca mellorar a calidade da oferta turística do parque, facéndoa compatible coa conservación dos seus valores naturais.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.