Este venres 22 de xullo, o Mago Antón achégase a Rianxo co espectáculo Mil maxias máis. As funcións, todas elas na céntrica praza Castelao, serán ás 13.30 h, 19.00 h, 20.00 h, 21.00 h e 22.00 horas. A proposta enmarcase na Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Mil maxias máis é un espectáculo de maxia dirixido ao público familiar para poñer en valor a nosa lingua utilizando xogos orixinais creados polo mago Antón coa finalidade de facer que os espectadores lembren a importancia que ten a palabra en galego. Os espectadores verán aparecer por arte de maxia e con todo o seu valor simbólico: landras, amorodos, lóstregos, bolboretas e moitas, moitas vasoiras para que todos e todas poidamos voar coa maxia do mago Antón e a da nosa lingua.




