
Xa se ve: os mortos non contan. Os mortos non aparecen na memoria histórica do mar. Os mortos non forman parte do estado da Nación. Para eles, os mortos, só hai memoria nos membros das súas familias. Estas, como vítimas da traxedia rexistrada na mencida do 15 de febreiro de 2022 a 250 millas da illa de Terranova cun saldo de 21 mortos e 3 sobreviventes, recorreron ao Parlamento Europeo na percura de axuda para que a Eurocámara medie diante do Goberno español para que este decida dunha vez investigar “in situ” –é dicir, no propio pecio do Villa de Pitanxo- que foi o que aconteceu naquela longa noite na que, presumiblemente, poido máis, moito máis, o afán de salvar a copada de peixe que se suponía importante económicamente para a compañía armadora e o historial do patrón, que dar seguridade ás vidas dos mariñeiros. Estes foron, finalmente, os que pagaron coas súas vidas o afán dos cartos.
E mentres tanto, o Goberno español ollando ao lonxe porque, é un supor, coida que non está obrigado a investigar as causas do naufraxio do Villa de Pitanxo. Nen moito menos, interesado en asumir que está obrigado por lei a realizar esa investigación mesmo no que quede do buque afundido estea este onde estea.
Cinco meses de loito entre as 21 familias. Cinco meses de ir e vir. De non parar en cavilacións en Galicia, en Suramérica. En África. Perdéuse un barco, sí; pero paga o seguro por el. Un seguro que tamén respondeu ou responderá polas mortes de 21 homes que deixaron en terra fillos, esposas, país.
Cinco meses, sí. E nunca máis o Goberno español nen os partidos políticos
que conforman Congreso e Senado falarán de empregar os medios que o Estado ten para baixar ao pecio e informar, como é a súa obriga, do que en realidade pasou aquel inesquecible 15 de febreiro-



