A fachada marítima da vila de Porto do Son acolle estes días unha feira de artesanía na que poderemos atopar un amplo e variado surtido de obxectos e produtos de calidade e con selo de autor: dende artigos de coiro e téxtiles até xoiería, pasando por produtos gourmet de alimentación e hostalería e de elaboración artesanal. A feira poderá visitarse até o 25 de xullo.
O evento complétase cunha área adicada ás nenas e nenos, onde a rapazada poderá divertirse con actividades de lecer mentres os maiores levan a cabo as súas compras. “Esta actividade é un incentivo para a nosa vila durante esta tempada de verán, porque atrae visitantes que aproveitan para coñecer o noso concello e realizar a súas compras e levar para os seus fogares todo tipo de recordos”, sinalou a tenente de alcalde do Concello, María Maneiro.




