O Concello de Lousame abre este venres 15 de xullo o prazo de preinscrición para o programa Lousame Concilia, o servizo municipal de atención e coidado de nenos e nenas de entre 3 e 12 anos no CPI Plurilingüe Cernadas de Castro durante o curso 2022/2023. Empezará a prestarse dende o 9 de setembro, en horario de 7:45 a 9:00 horas.

O prazo de preinscrición estará aberto ata o próximo 20 de xullo no Departamento de Servizos Sociais de Lousame, en horario de 08:30 a 14:30 horas. Os impresos poden recollerse nos Servizos Sociais de Lousame ou descargarse directamente da web municipal.
Lousame Concilia é un programa de conciliación familiar organizado polo Concello de Lousame e co-financiado polo Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral da Igualdade da Presidencia da Xunta de Galicia. O Concello de Lousame lembra que tamén existe a posibilidade de traer aos pequenos en datas concretas durante o curso escolar. Máis información nos Servizos Sociais de Lousame ou no 981 820 494.



