Un novo número da revista anual da cultura marítima Nova Ardentía será presentada no Grove este xoves, 14 de xullo, na Sala das Cunchas do Concello, ás 20 horas. O monográfico especializado en todo o referente ao mundo do mar de Galicia, editado pola Federación Galega de Asociacións pola Cultura M;arítima e Fluvial (Culturmar), inclúe neste novo número traballos, en galego e portugués, sobre a construción naval en madeira e os estaleiros de ribeira; a recuperación arquitectónica da carpintaría de Ciprián, en Outes; as camboas e as pesqueiras; o espazo museolóxico de Esposende; a illa de Ons e o Gran Sol; as actividades de navegación tradicional, náuticas, de vela, e outras singraduras históricas… Ademáis das seccións habituais como as recomendacións de lecturas, e achegas de natureza, nomes dos peixes, e apuntamentos literarios e culturais variados.

Nesta entrega hai colaboracións referidas a case todo o litoral galego, dende o mar de Ribadeo e a Mariña de Lugo, ata Ortegal e a Costa da Morte, chegando as rías da Coruña, Muros e Arousa, Vigo e o Baixo Miño.
O acto de presentación organizado polas Asociacións Dorna Meca, do Grove, e Grupo Etnográfico Mascato, de Cambados, contará coas intervencións de dúas das persoas sobre as que se publican senllos traballos: o emprendedor grovense, Alfredo Fernández Prieto, e o artista Xosé Lois Oubiña. Estarán tamén os irmáns Manolo e Eduardo Parada, autores dun dos traballos no que explican o proceso de recuperación patrimonial da vela dun racú. E con eles os membros da redacción Xosé Emilio Ínsua e Antón Mascato; ademáis da deseñadora Sole Rei.
Nova Ardentía naceu en 2004 coa cabeceira de Ardentía, sendo o seu director o prematuramente desaparecido especilista en cultura do mar, Luís Rei (1960-2015), dende o seu falecemento incorporouse á cabeceira o adxectivo Nova, á maneira da tradición mariñeira dos folios dos barcos cando mudan de mans.
A entrada é libre ata completar o aforo.



