Os operarios do Concello de Ribeira están a instalar en tres concorridos e referenciais areais do termo municipal, na Ladeira, no Castro e en Coroso, outros tantos recipientes de gran tamaño para que residentes e visitantes depositen neles os refugallos atopados nas praias. Esta iniciativa de gran importancia ambiental e sensibilizadora ten a súa orixe nunha acción colaborativa do Concello co Colexio de Artes. Os recipientes teñen feitura de nasas de aceiro inoxidábel.

As estruturas teñen unhas dimensións de dous metros de longo e un metro de diámetro. De momento xa se instalaron na praia da Ladeira (Corrubedo) e na de Castro (Castiñeiras) en tanto que o vindeiro luns está previsto colocar unha terceira na praia ribeirense de Coroso.
Esta acción, que recibiu a colaboración da Concellería de Educación que dirixe Juana Brión, incardínase na campaña iniciada o ano pasado polo centro educativo de Artes baixo o título O ecosistema mariño precisa da túa axuda para concienciar á poboación sobre a importancia de coidar o noso medio ambiente e que incluíu no pasado verán a colocación dunha serie de carteis con mensaxes sensibilizadores nas praias.
Nesta ocasión a actuación consistiu na instalación destas tres nasas, que foron fabricadas pola brigada municipal de obras.




