Esteiro acolle este domingo a presentación do caderno “A illa da Creba, un baldío comunal”

06 Maio 2022

O BNG da ría de Muros e Noia vén de lanzar un convite para participar na presentación do caderno A illa da Creba. Un baldío comunal, editado pola Fundación Galiza de Sempre, o laboratorio de ideas do Bloque Nacionalista Galego. Segundo indican, esta publicación marca o inicio dunha campaña a prol da recuperación da dita illa para o pobo. A presentación será este domingo día 8 ás 12.30 horas, no local social da Esteirana (fronte á praia de Parameán, rúa Ribeira Maio, 51, Esteiro. Muros).

A publicación da autoría de Francisco Abeijón, alén de socializar o espolio da illa, abéirase a unha estratexia máis global de actuacións para conseguir a devolución da Creba ao seu lexítimo dono, que, segundo indica a fundación, non é outro “que o pobo galego”. E engaden: “Esta demanda histórica social non responde só a unha cuestión emocional, tamén á económica, pola importancia que supón o banco de pesca de marisqueo, rico en ameixa babosa e sensíbel pola súa proximidade ás obras que se realicen sobre o mar”. Tamén salientan a importancia da “cuestión xurídica”, pois “en máis dunha ocasión a legalidade das actuacións que se realizaron sobre a illa xerou certos cuestionamentos”. Outro dos puntos onde se apoia a reclamación é a cuestión ambiental, “polo claro exemplo de especulación urbanística e agresión ao medio ambiente que supón”.

A Fundación Galiza Sempre lembra tamén que este ano cúmprense 100 anos desde que a súa inscrición no Rexistro Municipal de Outes “foi a favor dun particular”, desde que comezou a loita pola súa devolución entre a veciñanza de Esteiro e Muros. “Xa pasaron 100 anos dende que se tomou decisión política que desde o BNG e a FGS consideramos un roubo”, sinalan, engadindo que “esta publicación que se presentará o domingo ten o obxectivo de contribuír tamén a facer realidade unha longa demanda popular de xustiza e dignidade para poder rematar coa impunidade de quen quere aproveitarse dun ben público”.

No acto intervirán Sol Agra (responsábel comarcal do BNG de Muros Noia), Bieito Lobeira (autor do limiar do caderno), Francisco Abeijón, Pacucho (autor do caderno) e Rodrigo Molinos, Bolato (Asociación Cultural O Xeito). Na presentación o público poderá recoller un exemplar gratuíto do caderno.

Outros artigos

Muros ergue a voz contra a violencia machista

Na mañá de hoxe, a veciñanza, o Concello, a Corporación Municipal e o tecido asociativo de Muros volveron erguer a voz contra a violencia machista cunha concentración con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Fixérono no...

+

A presidenta de Portos reúnese coa directiva do Club Náutico de Muros

A presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, mantivo esta mañá unha reunión coa directiva do Club Náutico de Muros, que preside Francisco Barreiros. Esta é a primeira xuntanza institucional da presidenta do ente público coa entidade, de recente creación. No...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión