“Galicia: 126 especies vulnerables no catálogo das ameazadas” – Antón Luaces

21 Abril 2022

Galicia posúe un conxunto de fragas que forman un grupo de ecosistemas ricos en biodiversidade que, amais de absorber o dióxido de carbono da atmosfera (CO2), acumulan grandes cantidades de carbono. É unha das moitas calidades que outorgan á comunidade autónoma a preservación dos bosques, onde a existencia de especies animais está asemade en perigo.

Segundo un informe da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), no ano 2007 o Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA) contaba un total de 193 especies animais e plantas. Delas, 74 constan como en perigo de extinción e 119 vulnerables (no chanzo previo a perigo de extinción).

Na actualización da listaxe realizada en 2011 as especies vulnerables eran 126, mellorando notablemente a realizada en xuño de 2004, que incluía aves como o pimpín azul de Gran Canaria (endémica desta illa e nunca citada en Galicia) amais de especies de “interese español” tampouco citadas en territorio galego (por exemplo, aves como o “cirrio cafre”, o “cirrio unicolor” e o peto de dorso branco, ou mamíferos como o morcego patudo, entre outros).

En 15 anos de CGEA, o Consello de Goberno galego só aprobou, sinala ADEGA, dous plans de recuperación e un de conservación, o que equivale a que, desde 2007, foron aprobados os plans para apenas o 2,7% das especies en perigo de extinción, e para o 0,8% das vulnerables. Tamén se licitaron unha vintena de asistencias técnicas para máis de 50 especies catalogadas do CGEA que, afirman os ecoloxistas galegos, “dormen” nun caixón sen seren aprobados.

Neste tempo, algunhas especies catalogadas están a experimentar unha diminución poboacional importante. Por exemplo, a tartaraña cincenta ten experimentado un declive de entre o 59 e o 81% entre 2006 e 2017 en Galicia, e a gatafornela entre un 70 e un 90%, sendo a perda de hábitat por cultivos forestais e agrícolas unha das principais causas desta dramática situación.

Por outra banda, a celebración o pasado luns do Día Internacional de Monumentos e Sitios, dedicado ao Patrimonio e o Clima, serviu para alertar de que os incendios forestais, os anegamentos, as tormentas e outros fenómenos están a poñer en risco -segundo a UNESCO- sitios culturais, históricos e naturais. Este organismo mundial pretende que as políticas culturais dos Estados teñan en conta os efectos do quecemento global; pero os incendios, as secas, as tormentas, etc., poñen en risco algúns dos monumentos e espazos naturais máis valiosos do mundo. Un de cada tres sitios naturais e un de cada seis sitios do patrimonio cultural están actualmente ameazados polo cambio climático.

O informe “Bosques do Patrimonio Mundial, sumidorios de carbono baixo presión”, da propia UNESCO, cualifica de alarmante o feito de que o 60% dos bosques do patrimonio mundial estean ameazados por eventos relacionados do cambio climático. O mesmo acontece en sitios mariños, igualmente en perigo. Dous terzos destas reservas vitais de carbono, que acubillan o 15% dos activos mundiais de carbono azul, están a experimentar actualmente un alto risco de degradación, segundo o estudo sobre patrimonio mundial mariño responsable dos activos de carbono azul do mundo. No caso de que non se tomen medidas ao respecto, mesmo chegará a desaparecer o coral nos sitios do patrimonio natural a remates deste século.

Para dar resposta axeitada a este grave impacto, a axencia da ONU traballa para desenvolver as capacidades dos países e as comunidades para se recuperaren dos efectos e desastres relacionados co cambio climático. Ao mesmo tempo tenta aproveitar o potencial da cultura para a acción climática, que aínda permanece en gran medida sen explotar.

O Día Internacional dos Monumentos e Sitios permitiu á UNESCO facer fincapé no compromiso de garantir que os sitios e monumentos do patrimonio mundial se integren totalmente na acción e nas estratexias climáticas como un ben mundial compartido que se debe protexer dos efectos do cambio climático e sexa unha ferramenta transversal para mitigar e adaptar o quecemento global para as actuais e futuras xeracións.

Outros artigos

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

+

“España”. Alberto Barciela

España se hace grande con lo aparentemente sencillo. Entonces deja de ser una Europa periférica que arrambla con esa idea de que el continente termina en los Pirineos, para reivindicarse como la tierra conquistadora, que acobijó a todas las culturas, que se embebió de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.