Tía Manuela: “Eles non paran de rir”. Luís Celeiro

24 Marzo 2022


Quéreos ver coa cabeza gacha e, a poder ser, con bágoas nos ollos. A sociedade ou as sociedades ergueitas son perigosas para o poder, que as quere dobregadas e, se é posible, arrastradas e ensuciadas nas lamorqueiras do chan embulleirado e pestilente.
O mando cambia os parámetros da estética e pon aos pobos lonxe das alturas, obrigándolles a mirar para o chan, a dobrar a vista, a cabeza e o torso. Obrigándolles a deterse, en vez de avanzar. Que ninguén levante a mirada, non sexa que voe polos aires da liberdade. Quietos aí, labregos e mariñeiros, traballadores humildes de calquera ramo, homes e mulleres da terra nosa. Quietos! Parece como se fose de sometemento e de aldraxe permanente, diario e sen descanso.
Os semáforos colócanse en horizontal no medio do asfalto e, de momento, á altura dos ollos, ponse a propaganda, os letreiros publicitarios, que chaman ao consumismo, que tanto, tanto interesa. Os deseñadores novos e/ou modernos pintan as raias nas beirarrúas e nas lousas do solo, para que as xentes pasen coa testa agachada, sen posibilidade, e sen necesidade, de erguer a mirada.
O importante non parecen as persoas, a sociedade ou as ideas. Vamos preguntarlle a algún dos representantes gobernamentais cal é a acción máis importante coa que anda o seu ministerio, imos preguntarlle e a ver que di? E, cal será a tarefa máis importante que ten na axenda o pai ou a nai dunha familia calquera? Non hai máis que falar, hai coincidencia total coa Tía Manuela, “o importante é o sustento, a educación e a saúde”.
Para o ministerio correspondente, tan importantes como a educación, son o respecto, o aprecio e o bo trato aos animais de compañía, aos cadelos, eses fieis compañeiros, os únicos animais da cidade moderna que deben levantar a mirada se queren verlle os ollos do amo. O amo, para verlle os ollos ou o rabo ao can, ten que dobrarse, agacharse e mirar de lado. As autoridades xa están niso, no adestramento do home para que non levante a vista, aínda que manteña a cabeza sobre os ombros.
Quietos aí compañeiros, traballadores do arado ou da pluma, investigadores, carpinteiros, científicos, músicos, ferreiros ou homes do mar, escoitade o bruar da guerra, mirade para o contador da luz que non para ou para os prezos dos produtos esenciais, para a cara daquela xente, para a fame e a miseria. Mirade para os outros, para eles, que tanto rin e non paran de rir.

Outros artigos

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

+

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

+

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...