A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, mantivo este 20 de xaneiro unha reunión de traballo cos responsábeis do Espazo Xove da provincia da Coruña, situados nos concellos de Curtis, Noia, Pontedeume, Betanzos e Carballo. A xuntanza veu motivada con vistas a elaborar a programación anual de actividades, na que se combinarán diferentes propostas formativas e de ocio e lecer educativo e de interese para as mozas e mozos da zona.
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, trasladou “a importante oportunidade que se abre, con motivo do Ano Europeo de Xuventude que se celebra neste 2022”, para “seguir mellorando os recursos, instrumentos e información ao servizo da mocidade”. Trátase, engadiu, “dunha tarefa de dinamización na que os diferentes espazos xoves repartidos por toda Galicia xogan un papel fundamental”.




