Ana Sanisidro Lojo, moza veciña da parroquia de Aguiño, resultou a gañadora da segunda edición do Concurso de Poesía Urbana pola Igualdade e Contra a Violencia de Xénero promovido pola Consellería de Política Social a través do CIM no marco da programación polo 25-N.

Na mañá deste 14 de xaneiro a gañadora do certame, profesora de profesión, foi recibida polo alcalde Manuel Ruiz nun acto no que tamén estivo presente a concelleira Ana Barreiro para felicitala e facerlle entrega do diploma acreditativo de ter gañado o concurso, así como unha tableta.
O poema gañador chámase O amor non ata nin mata, cuxos versos foron declamados pola galardoada e que foron subidos á Rede polo Concello.
O amor non ata nin mata
Cantas mozas hai compartindo o seu tempo cun egoísta
que presume por xogar coa súa vida coma un funambulista.
Para o seu mal a atrás non bota a vista,
mais para botar en cara é todo un detallista:
“Que fas aí sentada,
TRABALLA,
ou queres ser unha mantida?”
Que, en verdade, é o que desexa
para conformarse coa crenza de que é propietario desa vida.
Buff! Non vai a ser que COÑEZA a alguén que lle mostre a
DIFERENZA
entre amor e dor.
Hipoteca a vida de quen o arrodea,
cun vago: “se me deixas mátome”; atando cunha forte cadea
con verba seca á súa doncela.
O amor vai só, sen dor;
o amor non é prohibición;
podes ir en tacóns
e con saia curta
pois non hai roupa que ao amor se axusta.
A liberdade non ten idade e o móbil e intimidade
Que non pode esixirse desde a vaidade.
A TI, SI, a ti,
FUXE, CORRE,
Que el moito roxe, por “amor” non corre.



