Mar enxalza o intenso labor da Confradía do Son para protexer o legado mariñeiro

23 Xullo 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na presentación do proxecto Porto do Son mariñeiro co que a confraría de pescadores local dá a coñecer o seu arquivo de fondos históricos documentais dixitalizados, accesible a todo o mundo e con máis de 1.600 expedientes recollidos en 39.000 imaxes. A titular de Mar enxalzou o intenso traballo realizado pola confraría de pescadores durante máis de dous anos para organizar, inventariar, catalogar e dixitalizar todo ese material que forma parte do patrimonio material e inmaterial tanto de Porto do Son como do conxunto de Galicia.


A representante da Xunta, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, subliñou que o resultado obtido é froito da forte implicación social desta vila na protección e conservación do seu legado e patrimonio mariñeiros para que poidan chegar intactos ás futuras xeracións. De feito, destacou a titular de Mar, a confraría soubo adaptarse ás circunstancias recorrendo ás novas tecnoloxías e ás novas canles de comunicación para protexer a súa cultura marítimo-pesqueira e facela accesible a calquera persoa do mundo.
Rosa Quintana engadiu que esta iniciativa, desenvolvida no marco do Proxecto de recuperación e posta en valor dos fondos documentais da confraría baixo o paraugas do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) ría de Muros e Noia Costa Sostible, permitirá a transmisión dese legado de xeración en xeración e que tanto Porto do Son como Galicia avancen na protección do seu pasado, presente e futuro mariñeiros.
“Trátase dun patrimonio vencellado co mar que explica a transformación do territorio e do modo de vida da xente do mar, da súa construción social e cultural ao longo do tempo e da evolución dos seus oficios e técnicas en todo o litoral galego”, destacou Rosa Quintana.
Un proxecto, engadiu, que contribúe a difundir o amplo patrimonio e cultura marítima de Porto do Son e Galicia.
A titular de Mar eloxiou ademais o labor da confraría sonense pois concorda coa estratexia deseñada pola Xunta para protexer o seu legado mariñeiro mediante a elaboración do Plan da cultura marítima de Galicia-Horizonte 2030. Este documento, que se elaborará no marco dun convenio de colaboración asinado a comezos de mes entre a Consellería do Mar, a Universidade da Coruña e a súa fundación, permitirá deseñar accións para preservar o patrimonio e a cultura marítima de Galicia e blindar o seu futuro.
De feito, a previsión é redactar un documento base do plan no que se recollerán as liñas estratéxicas, iniciativas e accións a desenvolver no período 2021-2023 así como os pasos a seguir nos seguintes anos para protexer a cultura marítima da comunidade. Rosa Quintana salientou que esta medida se enmarca na aposta da Xunta por poñer en valor e recuperar o patrimonio marítimo de Galicia polo que o traballo incluirá todo o seu litoral.
A representante do Executivo galego tamén puxo en valor a actividade realizada polos grupos de acción local do sector pesqueiro, que desde 2016 desenvolveron preto de medio milleiro de accións na comunidade coa mobilización de máis de 30 millóns de euros de axuda pública. Na convocatoria deste ano a Xunta destinou máis de 16 millóns de euros ás iniciativas que presenten os oito GALP de Galicia co obxectivo de dinamizar as zonas
costeiras e impulsar a súa economía.
O proxecto
Porto do Son mariñeiro é un proxecto impulsado pola confraría de pescadores de Porto do Son ao abeiro dos GALP para recuperar o fondo documental histórico da entidade -que se remonta a 1923-, dixitalizalo e facelo accesible a todo o mundo. O investimento necesario para a execución do proxecto rolda os 90.000 euros e contou co apoio da Xunta e do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) no marco da convocatoria de 2020 de axudas aos grupos de acción local do sector pesqueiro.
A consecución do arquivo dixitalizado dos fondos documentais de Porto do Son -formado por eses máis de 1.600 expedientes recollidos en preto de 40.000 imaxes- busca preservar a cultura mariñeira da zona, revitalizar o patrimonio inmaterial da confraría e dinamizar a zona de influencia do GALP ría de Muros e Noia Costa Sostible.

Outros artigos

No Son abriu o prazo dos cursos creativos municipais

O Concello de Porto do Son abriu o prazo para participar na nova oferta de obradoiros e actividades formativas e creativas dirixidas á veciñanza para o curso 2026/2027. As clases darán comezo neste mes de outubro e abranguen disciplinas tanto artesanais como...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La gente”. Mario Clavell

“La gente”. Mario Clavell

En mis tertulias oigo generalizaciones tales ‘la gente escapa de Compostela’ o ‘la gente está hasta el gorro de Pedro Sánchez’ …  ¿Quién es la gente’?, ¿la sociedad?, ¿la nación?, ¿toda la nación?, ¿la colectividad, la humanidad? ‘La gente’ es demasiada gente y...

“Agresións, vexacións e torturas” – José Manuel Pena

“Agresións, vexacións e torturas” – José Manuel Pena

Desde Amnistía Internacional e algúns medios de comunicación están a denunciarse varios casos de agresións, vexacións e torturas, por parte dun grupo de militares españois, cara a algúns migrantes africanos chegados á cidade autónoma de Ceuta, algúns deles menores de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.