Un total de 75 persoas participan dende este primeiro de xullo nun curso formativo que lles permitirá acreditarse como guías especializados do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. A maioría das persoas inscritas, un total de 40, son profesionais do sector que exercen xa de guías turísticos e os 30 restantes están relacionadas con ramas como a bioloxía, as ciencias do mar, a historia ou a enxeñaría.

A actividade, organizada polo Organismo Autónomo de Parques Nacionais coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, prolongarase ata o vindeiro mes de setembro e combinará formación teórica e práctica para achegar os principais valores naturais, históricos, arqueolóxicos e submarinos dos arquipélagos a profesionais procedentes de distintas ramas vencelladas co sector do turismo.
A primeira parte do curso, cunha duración de 70 horas e matrícula gratuíta, impartirase mediante unha plataforma de aprendizaxe en liña e prolongarase até agosto. Tamén se prevé que os participantes reciban 30 horas de formación práctica, presencial e obrigatoria, que se desenvolverá nas propias Illas Atlánticas durante a última semana de setembro.
Esta formación vai especialmente orientada a aqueles profesionais e empresas do sector situadas na contorna socioeconómica do Parque Nacional que pretendan exercer no mesmo e necesiten formación especializada para iniciar, guiar e dar a coñecer os valores deste espazo, concienciar sobre a súa conservación e dinamizar grupos.



