A Deputación propón o 1% dos orzamentos das administracións galegas para a hostalería

25 Xaneiro 2021


O organismo calcula en 140 millóns de euros o montante para este ano en Galicia nun plan que apoia a asociación de hostaleiros coruñeses.

A Deputación da Coruña insta a todas as administracións galegas a “sumar forzas” destinando o 1% do seu orzamento de 2021 a un fondo común de rescate para o sector da hostalaría e o turismo, un dos máis afectados polas consecuencias económicas da pandemia.

Sumando o 1% dos orzamentos da Xunta de Galicia, as catro deputacións e as sete grandes cidades galegas, este “1% hostaleiro” permitiría crear e coordinar un gran plan  de axudas directas ao sector por importe de máis de 140 millóns de euros, un orzamento case tres veces superior aos 50 millóns que propón o goberno galego. A Deputación levará esta proposta á reunión convocada polo Clúster de Turismo de Galicia esta tarde en Santiago, á que  están convocadas a Xunta de Galicia, as catro deputacións e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

“A proposta emula acordos históricos como o de destinar o 0,7% a axudas á cooperación. É o momento de unirnos todos para salvar a hostalaría”, afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, ao remate da reunión que, xunto co vicepresidente e responsable da área de Turismo da institución provincial, Xosé Regueira, mantivo esta mañá coa directiva da Asociación Provincial de Empresarios Hostalaría da Coruña, presidida por Héctor Cañete.

O presidente da Deputación sostivo que se trata “dunha proposta proporcional, realista e asumible por todas as administracións, na que todos contribuiríamos a partes iguais cun 1% hostaleiro para apoiar a un sector que precisa de axuda urxente e que vén reclamando que deixemos as diferencias políticas de lado e traballemos unidos nun plan de país, coordinando as axudas a un sector do que dependen 66.000 empregos e que representa o 4,5% do PIB en Galicia”, afirmou.

González Formoso explicou que a proposta coruñesa incrementaría notablemente o orzamento deste fondo común, pasando de 50 a 140 millóns de euros, o que permitiría axudas de maior cuantía para os hostaleiros e empresas do sector turístico, así como unha tramitación máis simple, con menos burocracia, ao tramitarse unha única solicitude, apuntou.

“A nosa proposta é destinar ese 1% hostaleiro a salvar a hostalaría das nosas vilas e cidades, das nosas provincias, de Galicia”, resumiu o presidente.

O vicepresidente e responsable da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, destacou que neste momento tan difícil, pódense facer propostas para “enredar, sen pensar na súa realización, ou para incluír e a nosa é claramente con vocación de resolver dar solucións urxente para un sector que o precisa”. Neste sentido, apuntou que unha “proposta para incluír supón poñer sobre a mesa unha porcentaxe que todo o mundo pode achegar, seguindo o principio de proporcionalidade que é o reitor de calquera tipo de medida, mesmo fiscal e xudicial”.

 
Ao respecto, destacou que “con esta porcentaxe do un por cento, podemos asegurar que todas as administracións poden facer ese esforzo, para a Xunta mesmo podería ser maior, mais con esta cantidade pódense integrar todos os concellos, do máis pequeno ao maior”.


Lembrou Xosé Regueira que o ánimo de coordinación da Deputación quedou á vista desde o inicio da pandemia nunha carta enviada ao presidente da Xunta na que xa se propuña a colaboración institucional nun fondo único.  “Desde o inicio falamos claramente de rescate, non de axuda puntual, que é a única saída posible para un sector con moitísimo emprego e que supón unha parte moi importante do PIB galego”, sinalou Regueira ao tempo que destacou que a Deputación da Coruña é a primeira institución que cuantifica esa porcentaxe para o sector. “Agardo que nos comportemos como administracións maduras e sexamos capaces de construír ese mecanismo necesario para salvar o sector que está a padecer verdadeiros dramas familiares “,afirmou. 

 Os hostaleiros aplauden a “valentía da proposta”

Pola súa banda, o presidente dos hostaleiros coruñeses, Héctor Cañete agradeceu “a valentía da Deputación” nesta proposta e defendeu que Deputación e Concello da Coruña “foron pioneiros na posta en marcha do primeiro plan de axudas ao sector”.

“Esta proposta responde ao que vimos demandando: un plan de rescate para o sector”. “Un plan que nace na Coruña”, apuntou Cañete, que destacou que a fórmula do 1% hostaleiro supón un aumento sustancial do orzamento, que pasaría de 50 a 140 millóns de euros e simplificaría a tramitación  “nun sector no que pequenas empresas tiveron que pedir ata sete subvenciones diferentes” e a maior parte delas nunca pedirán ningún tipo de axuda.

“Pedimos unha vez máis o mesmo: que non haxa colores políticos e que todo o mundo apoie para salvar un sector que está nun risco como nunca estivo e onde hai uns dramas sociais importantes”, apuntou o presidente dos hostaleiros coruñeses.

A Deputación destinou 15,5 millóns en axudas aos sectores máis afectados pola pandemia

Valentín González Formoso e Xosé Regueira destacaron tamén, a maiores dos case 10 millóns de euros que que a Deputación da Coruña inviste cada ano en emprego, no último ano destináronse 15,5 millóns de euros en axudas directas extraordinarias aos sectores máis afectados pola pandemia, entre elas hostalaría, turismo e pequeno comercio, a través do programa PEL- Reactiva, desenvolvido en colaboración cos concellos da provincia.

12,5 millóns de euros destináronse a axudas aos pequenos negocios afectados polas consecuencias da Covid-19 nos concellos coruñeses de menos de 50.000 habitantes (dos que a Deputación achega o 80%, 10 millóns de euros, e os municipios o 20% restante) e outros 3 millóns a suplementar os programas de reactivación económica impulsados polas grandes cidades da provincia: A Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol.

O PEL-Reactiva, creado polo goberno provincial para paliar os efectos da pandemia entre os autónomos e microempresas da provincia, recibiu máis de 10.000 solicitudes na provincia. As axudas oscilan entre os 1.500 e os 3.000 euros e están sendo adxudicadas polos concellos nestes momentos. Os datos provisionais reflicten un elevado porcentaxe de axudas destinadas a hostalaría e pequeño comercio. Así, dos 126.000 euros concedidos en Arzúa, o 90% pertencen a estes sectores, mentres que outros concellos coma Padrón (71%), Valdoviño (60%) ou Betanzos (45%) contan tamén con elevadas porcentaxes de axudas concecidas a autónomos e empresas destes sectores.

Ademáis, unha de cada tres axudas das liñas ordinarias do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación para creación de emprego e investimentos durante 2020  destináronse ao sectores de hostalaría, turismo e pequeno comercio, dando como resultado axudas por importe de 1.313.123 euros e a creación de 100 novos postos de traballo.

Outros artigos

A Pobra foi este mércores unha proclama contra as violencias machistas

Con motivo do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, os xardíns Valle-Inclán acolleron na tarde deste mércores unha concentración para manifestar o rexeitamento a todas as formas de violencia machista e expresar o apoio e a solidariedade coas vítimas. O...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Desde la ventana del aula”. José Castro López

“Desde la ventana del aula”. José Castro López

Cuenta Eduardo Infante en su libro Filosofía en la calle que, mientras explicaba un díala metafísica de Aristóteles en el instituto, advirtió que los alumnos tomaban notas ensus cuadernos. Pero al fondo de la clase estaba una chica sentada junto a una ventanaque no...