
O Concello de Ribeira informou do remate do prazo para a presentación de ofertas na licitación da xestión e o mantemento dos sistemas de saneamento das EDAR de Couso e Corrubedo. En total, recibíronse cinco ofertas.
O proceso iniciouse a mediados de decembro co obxectivo de proceder á sinatura dun contrato administrativo de servizos cun orzamento base de licitación de 4.265.534,49 euros e un duración de tres anos dende o inicio da prestación do servizo, sendo prorrogábel por un ano ata completar un máximo de catro anos.

Inclúense no contrato os traballos de operación, mantemento preventivo, preditivo e correctivo, así como a conservación integral de todos os equipos ou elementos da infraestrutura existente, así como das resultantes por modificacións ou ampliacións que se incorporen durante a vixencia do contrato, sempre que non supoñan variacións substanciais nos sistemas de saneamento.
O obxecto dos traballos é a correcta operación e mantemento do sistema de colectores xerais, tanques de tormenta e estacións de bombeo, así como as EDARs, emisario submarino e condución de vertedura asociados á referidas EDAR de Couso e EDAR de Corrubedo, cos obxectivos seguintes:
a) Garantir que as infraestruturas estean en todo momento en disposición de cumprir a función para a que foron proxectadas e construídas.
b) Manter as garantías dos equipos tendo en conta as esixidas aos contratistas na execución das obras e que se atopen vixentes.
c) Procurar unha axeitada conservación das condicións de funcionalidade, seguridade, ornato, limpeza e hixiene do conxunto das instalacións, incluíndo as obras de fábrica e as edificacións.
d) Observar e controlar o cumprimento das obrigas derivadas das autorizacións, concesións e licenzas outorgadas para a execución desta actuación incluíndo as establecidas na autorización de vertedura outorgada, no seu caso.
e) Xestionar os produtos, materiais, obxectos, residuos e lixos que xeren as actividades para desenvolver.
f) Contratación e abono da subministración de auga potable dos tanques de tormentas, EBARs e EDARs.
g) Contratación e abono da transmisión de datos desde os tanques de tormenta e EBARs cos postos centrais nas EDARs de Couso e Corrubedo para o sistema de telemando e telecontrol e para o sistema de alertas a móbiles.
h) Contratación e abono da subministración eléctrica para todas as infraestruturas obxecto do contrato de servizos de operación e mantemento.



