Chega unha nova canteira de regatistas locais: a Escola de Optimist de Porto do Son

17 Setembro 2020

Este mércores 16 de setembro presentouse no Real Club Náutico de Portosín unha nova e destacada iniciativa para a dinamización deportiva infantil e xuvenil na nosa comarca: a Escola Deportiva de Optimist de Porto do Son, impulsada polo club e polo Concello.

A escola, que está apadriñada por Iago López Marra (regatista olímpico vencellado ao club), xorde poñendo o foco en achegar a dita modalidade náutica a nenas e nenos sonenses con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos. Segundo se fixo saber na presentación, a iniciativa tamén se pon en marcha para tirar proveito “das magníficas condicións que ofrece a ría de Muros e Noia para a navegación en optimist, e non só como actividade vacacional”.

A actividade ofrece aos seus integrantes a posibilidade de comezar no deporte da vela e pasar a formar parte dos equipos de optimist onde “miles de rapaces en todo o mundo aprenden a coñecer o mar e desenvolver as habilidades técnicas para o manexo das diferentes embarcacións e diferentes situacións”, explicouse na presentación da escola, destacando o feito de que neste ámbito deportivo foi onde se adestrou dende novo o propio Iago López, “hoxe en día todo un referente a nivel mundial”.

Os horarios que se poden escoller son 15.30 a 18.30 horas os venres ou de 11.00 a 14.00 horas os domingos.

No acto de presentación, acompañando a Iago López Marra, participaron tamén Fernándo Gonzalez como representante do RCN Portosín e Juan Pouso en representación do Concello de Porto do Son.

Outros artigos

Porto do Son celebra as Letras Galegas con música tradicional

O Concello de Porto do Son vai celebrar con música tradicional o Día das Letras Galegas, este 17 de maio, adicado á poeta coruñesa Luísa Villalta. Así, ademais das mancheas de actividades conmemorativas que se están a desenvolver estes días nos centros educativos do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión