
Este domingo, a Policía Local da Pobra do Caramiñal interveu tras recibir unha comunicación do servizo de emerxencias 112 na que se alertaba dun posible episodio de violencia contra unha muller no municipio.
Unha vez no lugar, os axentes recolleron o testemuño dunha persoa que presenciara os feitos e que alertou de ameazas, berros e golpes contra obxectos no interior dunha vivenda.
Durante a intervención, os efectivos policiais localizaron a muller, que presentaba un elevado estado de nerviosismo e manifestaba temor cara ao seu presunto agresor. Así mesmo, referiu dores na zona costal e relatou un episodio anterior de violencia física.
En vista das circunstancias observadas e das declaracións recollidas, activouse o Protocolo Cero, coa colaboración de varias patrullas da Garda Civil de Boiro, que se desprazaron ata o lugar e participaron nas actuacións.
Establecéronse tamén medidas preventivas de vixilancia e protección nas inmediacións co obxectivo de preservar a seguridade da muller.
Por outra banda, avisouse a familiares da vítima, que acudiron ao lugar para facerse cargo do seu traslado.
Das dilixencias correspondentes faise cargo a Garda Civil de Boiro, cuxa tramitación e seguimento recaen especialmente no seu equipo especializado VioGén, encargado das actuacións relacionadas coa protección e o seguimento das vítimas de violencia de xénero.
Esta intervención pon de manifesto a importancia da coordinación entre ambos os corpos policiais, así como da rápida activación dos protocolos de protección ante posibles situacións de violencia contra as mulleres.






