O expediente de caducidade, publicado no Diario Oficial de Galicia, motívase polo impagamento de taxas durante máis de doce meses e pola falta de actividade nas instalacións.

Portos de Galicia vén de emitir unha resolución pola que se acorda incoar o expediente de caducidade da concesión administrativa outorgada no seu día á empresa Almeja Ría de Arosa S.L. para a construción dunha instalación de acuicultura destinada ao cultivo de semente de ameixa no porto ribeirense de Aguiño.
O anuncio oficial foi publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) con data do 27 de novembro. Segundo se desprende da devandita publicación, a decisión de retirar o permiso fundamentase “a causa do impagamento de taxas por un período superior a doce meses e ausencia de actividade”. O proceso aberto polo ente público atópase actualmente dentro dun prazo de quince días para a presentación de posibles apelacións.
Traxectoria da sociedade
Segundo os datos recollidos no Boletín Oficial del Registro Mercantil (BORME), a firma Almeja Ría de Arosa S.L. iniciou a súa actividade no lugar de Loimar, na parroquia boirense de Bealo, cun capital social inicial de 3.100 euros. Posteriormente, no ano 2020, anunciouse o seu traslado á parcela número cinco do porto de Aguiño.
Ao longo da súa traxectoria empresarial, a sociedade atravesou diversas vicisitudes financeiras e administrativas: en 2016, o Boletín Oficial del Estado (BOE) emitiu unha declaración de concurso necesario coa conseguinte obriga para os acredores de comunicar os seus créditos, un procedemento que quedou concluído xudicialmente en 2017. O último movemento público rexistrado pola compañía remóntase a outubro de 2023, cando se formalizou o cambio cara á figura dun administrador solidario. O proceso de Portos de Galicia encontrase nun prazo de quince días de apelación.






