Miguel Ángel González González gaña o XXXVI Premio Literario Camilo José Cela de Narrativa

26 Novembro 2026
O xurado reunido este martes no Consistorio de Padrón

O escritor Miguel Ángel González González resultou o gañador do XXXVI Premio Literario Camilo José Cela de Narrativa co relato La noticia de tu propia muerte en el diario de la mañana, presentado baixo o lema Kubelik.

O xurado acordou por maioría concederlle o galardón na sesión celebrada este martes, 24 de novembro, no salón de plenos da Casa Consistorial.

Na acta do fallo, o xurado destaca a “notael resonancia emocional” do relato, a súa dimensión simbólica e a profundidade dos personaxes. Valora tamén o xeito en que a obra aborda o abandono e explora a perda da inocencia, a culpa, a conciencia e o sentido da responsabilidade.

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, presidiu o xurado, integrado por Carlos Arias Iglesias, escritor e gañador da segunda edición do certame; Beatriz Vázquez Lorenzo, licenciada en Filoloxía Inglesa; Esteban Folgar Brea, profesor de Lingua e Literatura no IES da Estrada; Covadonga Rodríguez del Corral, subdirectora da Fundación Pública Galega Camilo José Cela; e Inés Mosquera Calvo, mestra de Educación Primaria. Como secretaria actuou M.ª Cruz Taboada Álvarez, funcionaria municipal.

Tras coñecer o fallo, o gañador asegurou sentirse “profundamente emocionado e agradecido”. E engadiu: “É un orgullo e unha felicidade vincular o meu nome a un certame tan prestixioso, con tantos anos de vida, ao que se presenta tanta xente e que está ligado a unha figura como Camilo José Cela, nada máis e nada menos que un premio Nobel”, afirmou.

Miguel Ángel González, que se dedica profesionalmente á literatura como profesor de escritura creativa co seu taller La Biblioteca Prestada, asegura que este é un galardón que “levaba moitos anos perseguindo”.

O relato premiado parte dunha lembranza da infancia: unha viaxe en familia na que lle quedou gravada a imaxe dun galgo correndo detrás do coche, seguramente por equivocación. A partir de aí, a obra entra na ficción para falar de relacións familiares e segredos.

O escritor recoñeceu que non coñece Padrón, aínda que si Galicia, e ata ten unha novela titulada Cariño. “Non se me ocorre mellor escusa que coñecela agora”, dixo.

Traxectoria do autor

Escritor e dramaturgo, Miguel Ángel González naceu en Madrid en 1982. Formado como educador social, cultiva a narrativa, a poesía, o guión de cinema e o teatro. Publicou a súa primeira novela en 2006 e o seu traballo foi recoñecido en España, Porto Rico, Arxentina, Guatemala e Perú. Como dramaturgo recibiu os premios Fray Luis de León, Max Aub e Born, e as súas obras representáronse en España, Arxentina, México e Estados Unidos.

Entre os seus títulos destacan Todos los miedos (Siruela, 2016), Premio Café Gijón; Cariño (Alianza Editorial, 2018), elixida unha das dez mellores novelas do ano pola revista Forbes; Un nublao de tiniebla y pedernal (Editorial Comba, 2021), Premio Ciudad de Alcalá de Narrativa; e Perder el equilibrio (Grijalbo, 2024), nomeada a mellor novela nos premios Valencia Negra. O seu poemario ¿Qué harías si yo muriera? (Visor) recibiu o Premio Ciudad de Badajoz. A súa última novela é Las tres familias (Ediciones B, 2026).

O Concello de Padrón felicita o autor pola calidade da obra galardoada e agradece a alta participación nun certame que rende homenaxe ao legado literario de Camilo José Cela e á súa estreita vinculación co municipio. O galardón está dotado con 1.500 euros e unha estatuíña conmemorativa.

Outros artigos

Boiro acolle este domingo a proxección de O silencio herdado

Proseguen en Boiro as proxeccións do Ciclo de Cinema Mestre Mateo, que leva aos concellos a produción audiovisual máis destacada do ano pasado. A seguinte sesión será este domingo 29 de novembro ás 19.00 horas, no Centro Social de Boiro. Proxectarase o documental O...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Desde la ventana del aula”. José Castro López

“Desde la ventana del aula”. José Castro López

Cuenta Eduardo Infante en su libro Filosofía en la calle que, mientras explicaba un díala metafísica de Aristóteles en el instituto, advirtió que los alumnos tomaban notas ensus cuadernos. Pero al fondo de la clase estaba una chica sentada junto a una ventanaque no...