
A Fundación INADE (Instituto Atlántico do Seguro) celebrou hoxe nas instalacións de CONGALSA, na Pobra do Caramiñal (no Polígono da Tomada), a XXV Reunión do seu Consello Asesor e Comité Técnico. O encontro permitiu facer balance das actividades desenvolvidas durante 2026, presentar as liñas de actuación previstas para 2027 e coñecer a actividade produtiva de CONGALSA, unha das empresas líderes do ámbito estatal e europeo no sector da alimentación, especializada na elaboración e comercialización de produtos do mar e pratos preparados.
No marco da xornada de traballo, CONGALSA anunciou que se incorporará á familia de Amigos de Fundación INADE para “contribuír ao desenvolvemento dos seus programas e actividades”, impulsando a xestión e prevención dos riscos empresariais e promovendo “o desenvolvemento de solucións desde o sector asegurador que axuden a previlos, mitigalos e protexerse fronte ás súas posíbeis consecuencias”.
Investigación e formación
Durante a súa XXV reunión, o presidente da Fundación, José Ramón Santamaría, repasou a evolución da entidade e destacou especialmente os resultados alcanzados en investigación e formación. No ámbito investigador, 2026 estivo marcado pola presentación da terceira edición do estudo A xestión do risco no sector empresarial galego, elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela para Fundación.
A súa publicación deu paso a ERM2026, unha iniciativa para achegar as súas conclusións a organizacións empresariais e administracións públicas.

En materia de formación continua, a Fundación INADE anunciou que está a piques de pechar un exercicio con resultados récord en canto ao número de horas impartidas e os beneficiarios alcanzados. Cun total de 102 horas formativas, a Fundación superou os 9.000 asistentes e expediu máis de 5.600 certificados que os distribuidores de seguros poderán acreditar ante o supervisor para dar cumprimento aos requisitos formativos esixidos.
Así mesmo, durante o encontro adiantáronse as liñas de traballo do Plan de Actuación 2027, co obxectivo de recoller a valoración e as achegas dos integrantes do Consello Asesor e do Comité Técnico. O documento definitivo será sometido á aprobación do Padroado antes de finalizar o ano.
CONGALSA, empresa comprometida coa prevención e a xestión responsábel
A elección de CONGALSA como sede desta reunión responde á súa traxectoria e ao seu compromiso coa innovación, a prevención e a xestión responsábel dos riscos.
José Ramón Santamaría agradeceu a acollida da empresa e destacou a afinidade entre ambas as organizacións: “CONGALSA constitúe un exemplo de como integrar a prevención e a xestión de riscos na actividade empresarial”.
A xornada de traballo de Fundación INADE na Pobra do Caramiñal completouse coas intervencións de diferentes profesionais e directivos da corporación alimentaria, que compartiron cos asistentes o modelo de traballo e as principais liñas de actuación da compañía. O encontro incluíu tamén unha visita ás instalacións.

Con esta XXV reunión, a Fundación INADE continúa fortalecendo a colaboración entre os profesionais da xerencia de riscos, o sector asegurador e o tecido empresarial galego, co propósito de avanzar cara a organizacións mellor preparadas para anticiparse aos riscos e protexer a súa actividade.
A Fundación INADE é unha entidade galega privada e sen ánimo de lucro, constituída en 2009, que traballa para fomentar a cultura da xestión de riscos nas empresas e dar a coñecer as solucións que ofrece o sector asegurador para transferilos e protexerse fronte ás súas consecuencias.





