
Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a asociación inclusiva da nosa comarca Ambar desenvolveu unha ampla axenda de actividades na comarca do Barbanza co obxectivo de sensibilizar á cidadanía, previr as violencias machistas e reivindicar unha sociedade igualitaria e libre de agresións.

Por unha banda, representantes e persoas usuarias da entidade estiveron presentes nas distintas mobilizacións institucionais organizadas polos concellos da comarca:
Ribeira. Participación activa na lectura do manifesto institucional convocado polo Concello de Ribeira.
Boiro. Adhesión á concentración impulsada polo Centro de Información á Muller (CIM) e o Concello de Boiro baixo o lema 25N · Un momento en movemento.
No Porto do Son. Asistencia á lectura do manifesto e ao reparto simbólico de paraugas organizado polo Concello de Porto do Son baixo o lema Todos/as baixo o mesmo paraugas.

Concienciación e prevención dende o Centro de Recursos
De xeito paralelo ós actos na rúa, o Centro de Recursos acolleu diferentes obradoiros internos de sensibilización e prevención adaptados aos distintos grupos de traballo:
Centro de Día. As persoas usuarias reflexionaron sobre as chaves para construír relacións sans, baseadas no respecto mutuo e na igualdade. Como peche da sesión, elaboraron a Árbore dos Compromisos 25N, unha peza colectiva na que cada participante coloreou e pendurou nas pólas o seu compromiso persoal contra a violencia de xénero.

Centro Ocupacional. O traballo estruturouse en dous eixes fundamentais:
· Seguridade dixital (Internet non é un lugar para aproveitarse): Mediante a análise de casos prácticos simulados en redes sociais e aplicacións de mensaxería como WhatsApp, traballouse na identificación de situacións de abuso dixital, o establecemento de límites persoais e o coñecemento das canles ás que acudir para pedir axuda.
· Apoderamento (As mulleres temos voz e dereitos): Un espazo de reflexión centrado en erradicar a culpabilización das vítimas e recoñecer os dereitos das mulleres que sofren violencia. A actividade culminou coa creación dun mural colaborativo que recolle lemas reivindicativos como A miña voz importa.
Con esta programación, Ambar reafirma o seu compromiso diario coa igualdade real e a inclusión, convencida de que a educación e a participación activa son ferramentas imprescindíbeis para construír un futuro libre de violencias machistas.






