
O Concello de Ribeira conmemorou, un ano máis, o Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, neste 25 de novembro, cun acto
institucional no que tomaron parte a comunidade educativa, asociacións e veciñanza, e tamén os grupos e representantes da Corporación Municipal. A alcaldesa, María Sampedro, declarou a transcendencia desta data, se ben “estamos coas vítimas todo o ano, pero, neste día, non podemos esquecernos das que xa non poden pedir axuda, nin podemos permitir que sexan números que tristemente suceden cada ano. Por iso, debemos recordar o seu nome e ser conscientes das vidas que arranca a violencia machista”.
Sampedro tamén quixo lembrar a “toda muller que estea sufrindo calquera forma de violencia. A violencia ten moitas formas e, un día como hoxe, ten que servir tamén visibilizalas todas. Están en tódolos espazos”.
Dirixíndose con especial énfase á comunidade educativa de Secundaria congregada, explicou que a campaña municipal deste ano incide na violencia dixital, polo que o lema escollido é Desconéctate do control.

“As mulleres máis novas estades máis expostas, se ben isto afecta a calquera muller, de calquera idade e de calquera raza, tal como quixemos representar. A cultura da desigualdade é universal, normaliza o control, a dominación e a discriminación das mulleres. Temos que alzar a voz para combatela, promovendo a cultura do respecto, da liberdade, da privacidade e da tolerancia fronte a calquera forma de violencia ou desigualdade”.
Ao devandito tamén se referiu a concelleira de Igualdade, Ana Barreiro, para quen “visibilizamos ás que foron silenciadas para sempre, pero tamén queremos poñer o foco en todas aquelas mulleres e rapazas que son violentadas a través das canles dixitais.. Vós sodes as novas xeracións e non pode ser que as vosas relacións estean baseadas no control e a vixilancia permanente nas redes si queredes ter unha relación libre e respectuosa”.
Ambas representantes municipais reiteraron o compromiso da Administración local para seguir traballando todo o ano a prol da igualdade e, a través do Centro de Información á Muller, continuar na prevención das violencias e na mellora da vida das vítimas.
Pombas en recordo das vítimas
Alumnado de centros de ensino de Secundaria do municipio leron os nomes das vítimas de violencia machista en España dende o pasado 25 de novembro e colocaron pombas de papel nun mural. Este é parte do resultado do abordado no circuíto de actividades para fomentar a prevención de violencia no que se implicou a comunidade educativa.
E houbo, así mesmo, lectura participativa do manifesto da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e minuto de silencio.





