A actividade desenvolverase os días 30 de novembro e 2, 3, 14 e 16 de decembro na Confraría da Pobra do Caramiñal. Está dirixida a maiores de 14 anos e conta con 12 prazas.

O Concello da Pobra do Caramiñal presentou un obradoiro de cabezudos que se desenvolverá durante os meses de novembro e decembro, co obxectivo de achegar á veciñanza o proceso de elaboración destas figuras e contribuír á conservación dunha tradición vinculada ás festas e celebracións populares.
A iniciativa, na que colabora a Concellería de Cultura, celebrarase os días 30 de novembro e 2, 3, 14 e 16 de decembro, en horario de 16.30 a 19.00 horas, nas instalacións da Confraría da Pobra do Caramiñal. Está dirixida a persoas maiores de 14 anos e conta cun total de 12 prazas.
Durante a presentación, a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, destacou o interese desta proposta para enriquecer a programación cultural do municipio e dar visibilidade a unha tradición que tamén forma parte do patrimonio popular da Pobra.
«Consideramos que é unha oportunidade moi interesante para enriquecer a nosa programación cultural e, sobre todo, para poñer en valor unha tradición que tamén temos na Pobra», sinalou a edil.
Lojo lembrou que o municipio conta con cabezudos e incidiu na importancia de recuperar o seu protagonismo. «Cremos que é importante darlles vida, achegalos á veciñanza e ofrecer a oportunidade de coñecer mellor todo o que hai detrás deles, desde a súa elaboración ata o seu papel nas nosas festas e celebracións», explicou.
Neste sentido, a concelleira subliñou que este tipo de iniciativas permiten manter vivas as tradicións, fomentar a creatividade e favorecer que o patrimonio popular continúe presente nas novas xeracións.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición na Biblioteca da Pobra ou a través do teléfono 981 831 633.





