
A Asociación Boirense de Empresas (ABE) pon en marcha hoxe luns, 23 de novembro, a campaña Black Friday Local – Grazas por estar aí, unha iniciativa coa que se quere aproveitar esta semana para “agradecer a confianza das persoas que apoian as empresas de Boiro” e contribúen, coas súas decisións cotiás, “a manter viva a actividade económica e a comunidade local”, segundo informou a entidade empresarial que preside Daniel García, engadindo que “lonxe de centrarse nos descontos habituais destas datas, a ABE aposta por unha proposta baseada no agradecemento, a fidelización e os pequenos detalles, con diferentes accións promocionais dirixidas á clientela dos establecementos asociados”.
A campaña desenvolverase ata o domingo 29 de novembro e contará con varias propostas a través da plataforma Puntos ABE.
Por unha banda, durante toda a semana, o xogo Boiro Xoga poderá conseguirse por 150 puntos, a metade do seu prezo habitual no catálogo, que é de 300 puntos.
Ademais, entre todas as persoas que rexistren os seus tíckets de compra en abe.gal durante os días da campaña sortearase un premio de 100 euros en Bonos ABE, para utilizar nos establecementos asociados.
A iniciativa contará tamén cunha acción exclusiva para as persoas integrantes do Club ABE, entre as que se sorteará un vale de 50 euros en Bonos ABE o luns 30 de novembro.
Outra das propostas chegará o venres 27 de novembro, cando todos os tíckets rexistrados na plataforma Puntos ABE xerarán o dobre de puntos habituais.
Desde a asociación destacan que esta campaña quere poñer o foco no valor da confianza e na relación entre as empresas e as persoas que forman parte da vida económica e social de Boiro.
“Detrás de cada negocio hai persoas, esforzo e ilusión. E detrás de todo iso, estás ti”, é a mensaxe coa que a ABE resume o espírito desta iniciativa.
Con Black Friday Local – Grazas por estar aí, a Asociación Boirense de Empresas continúa apostando por accións que van máis alá da promoción puntual das compras e que buscan fortalecer os vínculos entre as empresas e a comunidade.




