Van rematando as Letras Galegas que a Real Academia Galega lle dedica este ano a Begoña Caamaño (Vigo, 1964-Santiago de Compostela, 2014), pero a celebración é un punto de partida, un novo comezo para impulsar a (re)lectura e o estudo da súa obra. Arredor desta idea, a RAG celebra hoxe en Vigo, a cidade en que todo xermolou, o Simposio das Letras Galegas 2026. Baixo o título Begoña Caamaño: literatura, xornalismo e vida, a cita, de entrada libre, reúne no MARCO unha ducia de voces, especialistas na súa obra e en campos de coñecemento que atinxen a cerna das súas novelas e do xornalismo que exerceu, xunto a persoas do seu círculo que ofrecerán novas olladas ao legado que permanece. E tamén pistas sobre a Begoña Caamaño narradora que viría despois da exitosa reescritura dos mitos que realizou en Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012).

«Fálase do proxecto que Begoña tiña de pechar a súa triloxía sobre os mitos cunha novela sobre Sherezade, pero a obra na que estaba a traballar nos anos 2013 e 2014, e para a que xa tiña cando menos un título inicial —A saga sen fuga—, estaba inspirada na nosa bisavoa Emérita Rivera», comparte a súa irmá, Beatriz Caamaño. «A dela foi a historia de tantas mulleres silenciadas, heroínas da vida real que pasaron moitas penurias e que foron realmente o motor de moitas comunidades. O seu pai perdera canto tiñan no casino de Vigo, marchou a América e nunca máis se soubo del. A súa nai toleou e Emérita abandonou con 9 anos a aldea de Valeixe (A Caniza) para vir servir á cidade e sacar así adiante a familia. Se Begoña vivise algo máis de tempo, hoxe a nosa bisavoa seguramente estaría a acompañar a Circe, Penélope e Morgana», expresa.
Beatriz Caamaño interveu na apertura institucional do simposio canda o presidente da RAG, Henrique Monteagudo; a coordinadora do programa, a académica María López Sández; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; e a concelleira de Normalización Lingüística, Educación, Recursos Humanos e Formación de Vigo, Olga Alonso. A xornada inclúe a conferencia inaugural, a cargo da crítica literaria e biógrafa da homenaxeada María Xesús Nogueira; e catro mesas redondas con María Teresa Amado, Santiago Gutiérrez García, Lara Rozados, Víctor F. Freixanes, María Xosé Porteiro, Ana Romaní, Lucía Junquera, Uxía Senlle, Ramón Nicolás e a propia Beatriz Caamaño. Tras o balance das Letras Galegas 2026 que exporá López Sández, a cita concluirá coa actuación musical de Uxía, amiga persoal de Begoña Caamaño, a quen lle dedica o seu último disco.
Henrique Monteagudo agradeceu na súa intervención a colaboración ao longo deste ano de Beatriz Caamaño, un encontro «especialmente grato» deste ano; e mais o apoio da Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Concello de Vigo na organización do encontro. Este é un foro —salienta— «para facer balance do que significou este ano, sempre coa idea de que coas Letras Galegas non se conclúe nada, senón que abrimos as portas a novas vías de coñecemento sobre Begoña Caamaño e a súa obra». «O propósito é consolidar o lugar que merece no noso canon literario, no coñecemento global dos lectores, e moi nomeadamente entre as novas xeracións e o sistema educativo», engade a coordinadora.
Con só dúas novelas, froito dunha carreira que arrincou serodiamente e interrompida polo seu pasamento prematuro, Caamaño reúne méritos abondo para deixar unha pegada ben visible na historia da literatura galega, destaca López Sández. «O seu legado conxuga unha alta calidade literaria, unha dimensión estética lingüística moi notable e o compromiso social. E faino bebendo de dúas grandes fontes dos motivos narrativos máis importantes da literatura galega: a raíz grecolatina, presente en Circe e o pracer do azul, e a materia de Bretaña, da que parte en Morgana en Esmelle», lembra.
A académica incide ademais na actualidade da ollada de xénero da escritora. «Interpela ao conxunto da mocidade porque ten unha posición feminista clara que inclúe a necesidade do deseño dunha nova masculinidade como elemento necesario para que o cambio feminista sexa posible», valora.
Tanto Henrique Monteagudo como María López Sández tiveron palabras de lembranza para Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da RAG entre 2010 e 2013, quen finou o pasado xoves.
Por que escribía?
O proceso de construción da voz narrativa de Begoña Caamaño é un dos aspectos nos que profunda o encontro de hoxe, da man de María Xesús Nogueira, que se nutre para a súa proposta de testemuños da propia Caamaño. De maneira especial, a crítica literaria detense en «Por que escribo?», texto inédito que Caamaño lera en 2010 nunha conferencia na Universidade de Vigo sobre Circe, e recollido en Volveredes brindar por min, o volume biográfico que asinan Nogueira e a académica Ana Romaní. Nesas liñas, Caamaño confesa a súa coñecida paixón pola lectura dende nena, e tamén que empezou a escribir ficción pola necesidade de se ler a si mesma e de dialogar co mundo, mesmo como unha forma de achegar o seu «pequeno grao de area e devolver parte de todo o que aprendera».
«Interésame analizar as pistas que permiten intuír como se vai xestando a escritora que debuta aos 45 anos, xa na súa etapa de madurez, e cunha novela que, segundo explicou algunha vez, escribiu dun tirón, en apenas catro meses», conta Nogueira. «Coido que hai que comezar polos trazos que se manifestan dende a infancia, a imaxinación desbordante da Begoña Caamaño nena e o seu gusto polas historias contadas. Outro elemento relevante é a influencia da súa profesión. Aínda que sexa outro código, ela sempre se preocupou moito pola calidade expresiva da linguaxe xornalística», relaciona.
Os mitos
Caamaño foi lectora precoz de moitos clásicos, entre eles A Odisea, a epopea da que parte na súa primeira novela. «Impresionoume o coñecemento fondísimo que demostra dos mitos gregos. Imita ademais en certa medida o estilo de escritura dos clásicos. Por exemplo, emprega moitas das fórmulas homéricas para se referir ás personaxes (a prudente Penélope) ou determinadas realidades», expón Teresa Amado. A helenista participa na mesa redonda «Reescribir os mitos: voces, formas e pensamento» canda Santiago Gutiérrez, Lara Rozados e o académico Víctor F. Freixanes como moderador.
A profesora de Filoloxía Clásica debulla tres técnicas que Caamaño emprega en Circe ou o pracer do azul para transformar os mitos ao servizo dunha historia que introduce unha idea totalmente allea á Odisea: a reivindicación do feminino. «Unha delas é o sincretismo. A autora constrúe a súa Circe a partir da fusión de dúas personaxes mitolóxicas: a propia Circe e a ninfa Calipso. Desta última toma o amor cara a Ulises, a quen Circe non ama no texto homérico», apunta Amado. «Outra técnica é a creación de novos temas, episodios que non están na tradición, pero que lle permiten xustificar o que expón, empezando pola relación entre Penélope e Circe. E a terceira técnica é a da integración, coa que dá entrada a outros mitos da tradición grega, pero que nada teñen que ver nin coa Odisea nin cos seus personaxes», resume. O resultado, valora xa como lectora, é «unha obra preciosa» con «personaxes moi atractivos e moi ricos en matices».
Santiago Gutiérrez, estudoso da literatura medieval, participa no simposio cunha revisión das conexións entre Morgana en Esmelle e obras previas do sistema literario anglosaxón, remontándose non á época medieval na que xorden as lendas artúricas nin ás influencias galegas —entre as que destaca a do Merlín en familia de Cunqueiro—, senón á relectura da materia de Bretaña a partir da época vitoriana. «O artúrico como mito vaise renovando continuamente, e Begoña Caamaño en Morgana en Esmelle bebe dunha tradición moi longa da que colle elementos da parte máis moderna, que empeza no século XIX co revival da época vitoriana. Este fenómeno deu paso na primeira metade do XX a un neoceltismo que adopta uns perfís máis claramente matriarcais que desembocan nun culto á deusa feminina. Isto é o que logo retoma Marion Zimmer Bradley n’As néboas de Avalon (1983), que é a gran fonte de Caamaño», expón o profesor de Filoloxía Románica.
Gutiérrez recorda que aínda que a obra de Zimmer Bradley é unha impugnación á tradición «claramente patriarcal e moi conservadora» do mundo artúrico, a autora tivo unha postura persoal «un pouco contraditoria» e sempre tomou «certa distancia» da segunda vaga feminista. Porén, «vida e obra están intimamente relacionadas» na autora das Letras 2026, sostén Lara Rozados, que establece tamén relacións entre Caamaño e outras creadoras internacionais como Margaret Atwood ou Madeline Miller.
«As súas novelas constitúen un auténtico programa literario cun obxectivo moi claro: a revisión feminista das mitoloxías que máis vizosos froitos deron na literatura galega, e que configuran uns arquetipos que seguimos transmitindo culturalmente ata o presente. Caamaño dialoga con eles e consegue actualizalos para formular novos debates», reflexiona a coautora de Begonha Caamanho, uma das nossas, volume no que asumiu a parte da análise literaria. «Pero non só iso. Caamaño dialoga ademais con toda a literatura galega; non só con Xohana Torres, tamén con Ramón Cabanillas, Xosé Luís Méndez Ferrín ou clarisimamente Cunqueiro», engade a xornalista e docente.
«Cada tempo histórico ten a obriga de ler os mitos para interpretalos e actualizalos, e hoxe a mirada contemporánea e dende o feminismo de Begoña Caamaño enriquécenos a todos e ao propio mito», conclúe Víctor F. Freixanes, editor das súas novelas, que participa na mesa de Amado, Gutiérrez e Rozados como moderador.
O xornalismo
A tarde comezará coa mesa «Poñer a voz: xornalismo e compromiso» (16:00 horas). Contará coas periodistas Ana Romaní, Lucía Junquera e María Xosé Porteiro, quen coincidiu con Caamaño nos seu comezos en Radio Popular, no Vigo dos primeiros anos 80. Lémbraa como unha profesional «profundamente inquieta, con moita curiosidade e cun gran sentido da xustiza». Con ela compartiu un tempo de «aprendizaxe e convivencia» en que o galego empezaba a se incorporar aos medios de comunicación, e no que a cidade vivía «a súa propia transición». «O lugar e o momento en que empeza a facer xornalismo son relevantes. Eu vexo a Begoña Caamaño como o referente da xeración que protagonizou un gran cambio social, cultural e político, unha metonimia do que estaba a acontecer en Vigo, en Galicia e no Estado español nunha época apaixonante para o xornalismo», reflexiona a autora de Begoña Caamaño, xornalismo para a cidadanía. De Vigo a Compostela.
Ana Romaní coñeceuna na súa seguinte etapa profesional, xa ante os micros da Radio Galega en Santiago. A académica insiste tamén na súa ética profesional e mais no coidado que sempre puxo na escritura xornalística que menciona Nogueira. «O proceso de escritura xornalística, que é ao tempo lectura, implica, no seu caso, documentación, rigor, memoria e algo de audacia na súa formulación, mesmo cando se enmarca nos rexistros máis convencionais. Audacia para se facer preguntas, para mudar o foco, para contravir o discurso, para disentir na perspectiva», detalla. «Ese xornalismo transformativo que propón novos marcos é o que cultiva Begoña Caamaño en preto de trinta anos de dedicación profesional. Faino nas súas colaboracións en publicacións e xornais e tamén atravesa os seus proxectos radiofónicos. Traballos que hoxe propician un diálogo co presente, que mesmo sorprenden na capacidade para se adiantar a algúns dos temas que centran a actualidade e as axendas, e apuntan percorridos alternativos aos discursos hexemónicos», advirte.
Lucía Junquera non a coñeceu persoalmente, pero forma parte da nova xeración de xornalistas que atopa en Caamaño un exemplo que imitar. «Coido que do seu legado podemos aprender realmente todas as xeracións do noso oficio, non só as persoas que estamos a nos incorporar agora. O seu modelo é o do xornalismo de rúa, cun contacto moi directo coas fontes, coa xente, que é algo que se está a perder. Hoxe está normalizado non saír á rúa e depender demasiado do teléfono ou das gravacións que chegan ás redaccións», compara a autora do pódcast Poñer a voz, unha produción conmemorativa destas Letras do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, do que Caamaño foi membro.
A vida compartida
A ollada máis persoal chegará da man de Beatriz Caamaño, Uxía Senlle e o académico Ramón Nicolás na mesa «A vida compartida: memoria, lugares e afectos» (17:50 h), unha conversa que abranguerá dende os anos da infancia da autora no barrio vigués do Calvario e a memoria familiar ás amizades e a relación entre experiencia vital e literatura.
A irmá da autora compartirá a historia da súa bisavoa Emérita, a muller chea de coraxe e afouteza que ía protagonizar a novela na que Begoña Caamaño estaba a traballar cando morreu. «A súa é unha historia que nos foi transmitida oralmente, coma os contos ancestrais, en distintos episodios ao longo dos anos por dúas mulleres excepcionais e fundamentais nas nosas vidas: a nosa avoa materna Carmiña e a súa filla, a nosa nai Mari, admiradora absoluta e declarada da súa protagonista, coa que puido compartir unha parte moi importante da súa vida e a quen, malia a súa morte física nos finais da década dos sesenta, non deixou morrer en nós», expresa emocionada.
O retrato que Beatriz Caamaño fai de Emérita é o dunha muller profundamente xenerosa, como o foi tamén a escritora segundo as persoas que a coñeceron ben. «Entre tantos momentos compartidos, hainos de vida musical, porque ela acompañoume escribindo cousas para os meus discos; ou esa homenaxe tan bonita que organizou polos meus vinte e cinco anos na música, unha época na que eu estaba algo desanimada. Traballou nela durante moito tempo e xuntou catrocentas mulleres nun hotel de Santiago para me dar unha sorpresa. Non o esquecerei nunca», di Uxía Senlle. «Ela practicaba a sororidade, non quedaba só na teoría. Era o seu xeito de estar no mundo», lembra a música, a quen Caamaño lle escribiu unha carta de despedida na que agradece a vida que puido vivir.
Ramón Nicolás coñeceu a autora nos últimos anos da súa vida a través da literatura. «Os dous criámonos no barrio do Calvario, compartimos espazos vivenciais nun mesmo territorio pero non nos coñecemos persoalmente ata despois da publicación do seu primeiro libro, cando establecemos unha relación moi cordial que veu da creación literaria», rememora o académico correspondente. Nicolás, autor d’A nena que perdeu un zapato na lama. Begoña Caamaño no Calvario vigués. 1964-1976, abordará, entre outros aspectos, a recepción da autora das Letras Galegas entre o alumnado de secundaria a partir da súa experiencia como docente no IES Castelao, situado nese espazo vital dos primeiros anos de Caamaño. «Tanto para o estudantado como para min foron unhas Letras inesquecibles», confesa emocionado.



