A obra, escrita por Milagros Torrado Cespón e ilustrada por Laura Pérez Delgado, foi galardoada co Premio Alberte Quiñoi 2026. O acto contará cunha representación teatral de BarbanTEA, petiscos e agasallos.

A parroquia boirense de Cespón será escenario este venres 20 de novembro, ás 20:00 horas, da presentación do libro infantil Paio e o Gatipedro, unha obra escrita por Milagros Torrado Cespón e ilustrada por Laura Pérez Delgado que vén de alzarse co Premio Alberte Quiñoi 2026 de Álbum Ilustrado.
O evento terá lugar na Casa Veciñal de Cespón e está organizado conxuntamente pola Asociación Cultural Barbantia e a Comunidade de Montes Deira-Pedroso.
A cita contará coa participación das dúas creadoras do libro, Milagros Torrado e Laura Pérez, quen estarán acompañadas pola concelleira de Educación e Normalización Lingüística de Boiro, Carmen Silva, e mais pola presidenta da A.C. Barbantia, María Xesús Blanco.
Ademais da presentación literaria da obra —publicada por Editorial Galaxia—, o programa da xornada incluirá unha representación teatral a cargo do Grupo de Teatro BarbanTEA. Ao remate das intervencións, a organización ofrecerá petiscos e agasallos para todas as persoas asistentes



