
A asociación ADISBISMUR, entidade inclusiva da comarca de Muros e Outes, desenvolveu durante cinco meses un programa de lecer e tempo libre dirixido a persoas con discapacidade do rural galego. Un total de 54 persoas puideron participar nas diferentes propostas organizadas pola entidade ao contar co apoio económico da Fundación ONCE a través dunha subvención de 5.000 euros.

A iniciativa naceu co obxectivo de achegar recursos e oportunidades de lecer ás persoas con discapacidade que viven nas distintas parroquias do rural galego e que, polas dificultades de desprazamento, a falta de servizos adaptados ou a escasa oferta de actividades inclusivas, teñen máis complicado acceder a este tipo de propostas. Unha realidade que pode limitar a súa autonomía e favorecer situacións de illamento e exclusión social.
Desde ADISBISMUR consideran que o lecer é “un elemento esencial para o desenvolvemento integral das persoas e para mellorar a súa calidade de vida” e por iso defenden “a importancia de impulsar alternativas que garantan que todas as persoas poidan gozar do seu tempo libre, participar na vida comunitaria e compartir experiencias en igualdade de condicións, independentemente do lugar no que residan”.
A través deste programa organizáronse actividades moi diversas, adaptadas aos intereses e preferencias das persoas participantes. Entre elas houbo xornadas de cine e teatro, excursións por diferentes puntos de Galicia, días de praia, comidas campestres, visitas a parques acuáticos e a parques de dinosauros, prácticas de deporte adaptado, xornadas náuticas, participación en festas patronais e visitas a feiras, entre outras propostas.




