
O Concello de Boiro conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia conta as Mulleres baixo o lema Un momento en movemento para facer unha chamada á implicación permanente de toda a sociedade fronte ás violencias machistas. O acto central será o 25 de novembro ás 12.00 horas na Casa Consistorial, que se complementa coas distintas actividades que se desenvolven durante todo o mes.
O acto central do día 25 vai combinar a lectura dun manifesto colectivo con tres voces de distintas xeracións e experiencias. Participarán na lectura do manifesto o alumnado Secundaria, mulleres adultas do Centro de Día e unha persoa que viviu a violencia de xénero en primeira persoa.
O acto estará acompañado pola actuación da pianista local Elsa Muñiz, que interpretará distintas pezas para piano nunha proposta que combinará microrelatos e caligramas. “Esta experiencia pretende conectar coa sensibilidade das persoas asistentes e trasladar unha mensaxe de esperanza, fortaleza e capacidade de reconstruírse”, informaron dende o Concello.
Este acto central complementase coas distintas actividades que dende o Centro de Información á Muller (CIM) de Boiro se veñen desenvolvendo ao longo de todo o mes como o obradoiro de defensa persoal ou o coloquio As tolas que non o eran, a cargo da escritora Carmen V. Valiña. Tamén se inclúe un obradoiro sobre alimentación e benestar hormonal e a representación teatral As formas do amor (o 21 de novembro no Centro Social de Abanqueiro).
O lema deste ano, 25N. Un momento en movemento, busca transmitir que a loita conta as violencias machistas non se pode limitar a unha data concreta, “senón que require dunha revisión constante, unha actitude activa e un compromiso permanente por parte do conxunto da sociedade”, informou o Concello, que segue adherido á campaña De Fronte, da Deputación da Coruña, e que este ano pon o foco no sistema proinstitucional e nas desigualdades sociais, económicas e culturais que o sosteñen. Unha realidade atravesada pola desigualdade de xénero, a pobreza, o racismo, a precariedade e outras formas de discriminación que afectan especialmente ás mulleres migrantes, racializadas e trans.




