
Será durante as fins de semana do 20 ao 22 e do 27 ao 29 de novembro cando Rois acolla o seu II Concurso de Tapas Rois nun bocado!, que presentaba o pasado venres 13 de novembro na terraza exterior da Taberna Angueira. Con propostas gastronómicas a un prezo de 2 euros por tapa, serán oito establecementos os participantes nesta segunda edición do certame gastronómico.
A concelleira de Cultura, Educación e Lingua, Victoria Quiroga, interviña nun acto no que tamén estiveron presentes o concelleiro de Xuventude, Deportes e Asociacións, José Luis Ares, e a concelleira de Asuntos Sociais e Emprego, Mercedes Basante, así como representantes dos establecementos participantes: Santiago Tarrío (Taberna Angueira), Chus Mosquera (Taberna O Pemento), Margarita Casal (Café-bar A de Marga) e Nacho González (Restaurante Golf Val de Rois).
A elección da Taberna Angueira como escenario da presentación recoñeceu o seu triunfo na primeira edición do certame, na que o Restaurante Casa Benjamín e o Bar Muelle Rois obtiveron o segundo e o terceiro premio, respectivamente.
Durante a presentación, a gastronomía compartiu protagonismo coa música tradicional do grupo de pandeireteiras da A. C. Xacarandaina e a colaboración da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Nesta segunda edición, cada establecemento concorre cunha única tapa e será o público quen decida as propostas gañadoras. O Concello concederá 300 euros á primeira clasificada, 250 á segunda e 150 á terceira, ademais das correspondentes placas acreditativas.
A oferta gastronómica inclúe A Perla do Sar. Timbal cremoso de polbo e horta, da Taberna Angueira, que poderá degustarse os venres e sábados de 12 a 16 horas e de 19 a 23 horas, e os domingos de 12 a 17 horas. O Restaurante Casa Benjamín presentará Cuncha de ouro, ovo con xamón e bechamel suave, dispoñíbel os venres e sábados de 12 a 16 horas e de 19 a 23 horas, e os domingos de 12 a 16 horas. A Casa Rural Fogar do Selmo participará cun Bolo preñado con chourizo de porco celta, que servirá os seis días do concurso de 12.30 a 15 horas. Pola súa banda, o Café-Bar A de Marga ofrecerá Ensaladilla de gamba ao allo os sábados e domingos, de 11 a 14 horas e de 17 a 19.30 horas. No Café-Bar Malecón, a proposta será Caldeiro, consistente en porco ao viño tinto con crema de pataca e cebola; que se poderá probar os venres, sábados e domingos de 12 a 16 horas e de 18 a 22 horas. A Taberna O Pemento concorrerá con Tentación pemento rosa, unha tapa de polbo á feira con cachelo, salsa rosa e piquillo dispoñíbel os venres e sábados de 13 a 15 horas e de 21 a 23 horas, e os domingos de 13 a 15 horas. O Bar Muelle Rois elaborará Bocado de mar e terra sobre cremoso de coliflor, unha vieira á prancha con panceta ibérica que servirá os venres e sábados de 13 a 15.30 e de 20.30 a 21.30 horas, e os domingos de 13 a 15.30 horas. O Restaurante Val de Rois, coa súa Bendita cazoliña de xarrete guisado con puré de pataca ao parmesano, que poderá degustarse os seis días do certame de 12 a 19 horas.
O concurso distribúese en dúas zonas: a zona 1, formada por Urdilde e Augasantas, e a zona 2, que abrangue: Oín, Rois, Seira e Sorribas. Para emitir un voto válido, as persoas participantes deberán degustar tapas nun mínimo de tres establecementos diferentes, con presenza das dúas zonas, e solicitar en cada un o selo correspondente no tríptico do concurso. Os trípticos estarán dispoñíbeis nos propios locais. Ademais de reunir os selos, será necesario cubrir os datos persoais e indicar o establecemento coa tapa favorita, que deberá ser un dos que figure selado. Unha vez completado, o tríptico poderá depositarse nas urnas habilitadas en calquera dos negocios participantes. O reconto dos votos determinará os tres premios da hostalería.
Engadir que esta edición amplía a participación ás persoas que teñan ou cumpran 6 anos en 2026. Quen complete correctamente o tríptico tamén poderá optar ao sorteo público de tres vales de 100 euros, que se poderán empregar nos establecementos participantes até o 1 de marzo de 2027. Se resulta premiada unha persoa menor de idade, o vale emitirase a nome da súa nai, pai ou persoa titora.



