Chega Transita ABE, un programa para evitar o peche de negocios con viabilidade e favorecer a remuda xeracional

16 Novembro 2026

A Asociación Boirense de Empresas (ABE) presentou este luns 16 de novembro a iniciativa Transita ABE, un novo programa de acompañamento para favorecer a continuidade dos negocios locais e afrontar un dos grandes retos aos que se enfronta o tecido empresarial: a remuda xeracional.

A iniciativa nace coa vontade de “anticiparse ao peche de negocios viábeis que, en moitos casos, non desaparecen por falta de actividade ou rendibilidade, senón pola ausencia dunha persoa que poida darlles continuidade cando chega a xubilación das persoas titulares ou non existe un relevo familiar”, informou a asociación, engadindo que “detrás de cada negocio hai moito máis ca unha actividade económica, hai anos de traballo, investimento, coñecemento, emprego e unha relación construída coa clientela e coa comunidade”.

Seguindo este fío, a asociación aposta por converter o relevo empresarial nunha oportunidade para emprender e dar continuidade a proxectos que forman parte da vida económica e social de Boiro.

Detectar, preparar, conectar e acompañar

Transita ABE estrutúrase como un itinerario de acompañamento en seis etapas: detectar, preparar, conectar, tramitar, activar e consolidar.

O programa comezará cun traballo de diagnóstico preventivo do tecido empresarial, mediante unha Enquisa de madurez e sucesión comercial que permitirá identificar negocios que poidan necesitar un proceso de relevo a curto, medio ou longo prazo.

A partir desa detección, a ABE ofrecerá orientación ás persoas titulares para preparar unha posíbel transmisión, coñecer as alternativas existentes e acceder aos recursos dos que se dispón. Unha das claves será a conexión cos instrumentos públicos que xa funcionan neste ámbito, especialmente a Bolsa Remuda e a Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia.

A asociación tamén prestará apoio técnico para identificar as posíbeis axudas públicas vinculadas á transmisión empresarial e ao emprendemento, entre as que destaca o Bono Remuda, facilitando ás persoas interesadas información e orientación sobre a súa tramitación.

O acompañamento continúa despois da transmisión

Segundo a asociación empresarial, un dos aspectos diferenciais de Transita ABE é que o seu traballo non remata cando se produce o cambio de titularidade. A iniciativa contempla o acompañamento ás novas persoas titulares durante os primeiros pasos da súa actividade, facilitando o acceso a formación, asesoramento e recursos de apoio, así como a súa integración no tecido empresarial local.

Neste sentido, a ABE promoverá a incorporación destas novas empresas á comunidade asociativa, facilitando a súa participación en actividades, accións de networking, campañas de dinamización, formacións e ferramentas como o Club ABE.

A ABE como punto de conexión e acompañamento local

Coa posta en marcha de Transita ABE, a Asociación Boirense de Empresas reforza o seu papel como entidade próxima ao tecido empresarial, aproveitando o coñecemento directo da realidade dos negocios de Boiro e a súa relación continuada coas empresas asociadas.

O obxectivo é “complementar os recursos públicos existentes cun acompañamento próximo desde o ámbito local, facilitando que tanto as persoas que queren transmitir o seu negocio como aquelas que desexan emprender poidan coñecer as oportunidades e os recursos dispoñíbeis”, engade a entidade.

A iniciativa parte dunha convicción: asumir un negocio que xa existe tamén é unha forma de emprender. Unha oportunidade para comezar unha nova etapa aproveitando unha actividade en funcionamento, unha clientela consolidada, o coñecemento acumulado e o traballo realizado durante anos.

Outros artigos

Padrón, premio Pobo Máxico do Ano 2027

Padrón vén de ser premiado como Pobo Máxico do Ano 2027, a máxima distinción concedida pola rede Pueblos Mágicos de España dentro dos seus Premios Nacionais. O galardón sitúa o municipio padronés á cabeza dunha edición que recoñece a posta en valor do patrimonio...

+

A Pobra celebra Santa Icía cun concerto solidario no Teatro-Cine Elma

O Teatro-Cine Elma acollerá o vindeiro sábado, 21 de novembro, o Concerto Solidario de Santa Icía 2026, unha iniciativa que combinará música e solidariedade con motivo da festividade da patroa das persoas músicas. A cita comezará ás 18.00 horas e contará coa...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Decidiremos nós”. Luís Celeiro

“Decidiremos nós”. Luís Celeiro

Fóra da casa tronaba e os tronos escoitábanse nos cuartos, na cociña e no escritorio. No curral e nascortes do gando, moito máis, metían medo. O son dos tronos entraba na casa polo teito e polasventás de madeira, polas regañas das portas, polos ouvidos da xente e polo...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.