A Área Sanitaria de Santiago e a Barbanza garante a asistencia mediante o reforzo dun facultativo en prolongación de xornada dous días á semana, mentres a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública retoma as concentracións ás portas do ambulatorio.
O centro de saúde da parroquia ribeirense de Aguiño volve contar cun único médico de familia despois de só un mes de funcionamento con normalidade. Ante esta situación, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Barbanza anunciou a reactivación inmediata das concentracións ás portas do centro sanitario para trasladar o malestar da veciñanza.
Dende a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e a Barbanza aseguran que a atención médica na localidade estará «totalmente garantida». Segundo explican dende o servizo sanitario, a cobertura resolverase mediante a incorporación dun profesional en réxime de prolongación de xornada, quen acudirá a pasar consulta a Aguiño dous días á semana.
Pola súa banda, o colectivo veciñal lamenta este novo retroceso e lembra que o ambulatorio permaneceu durante un ano sen cubrir a baixa laboral dunha das dúas médicas titulares —cunha cobertura mínima de tres ou catro horas nalgunhas tardes tras as mobilizacións previas— e que a situación só se normalizou ao rematar a incapacidade temporal da facultativa, sen que o Sergas achegase unha solución estrutural. A plataforma subliña tamén que este escenario deixa obsoleta a moción presentada a principios de mes no Concello de Ribeira, na que se reclamaba á Consellería de Sanidade a cobertura efectiva e estable de todas as prazas vacantes nos centros de saúde e Puntos de Atención Continuada (PAC) de Ribeira, Aguiño, Corrubedo e Palmeira.




