
O Espazo Cultural Manuel María da cidade da Coruña acolleu antonte o acto de entrega do premio do V Certame Manuel María de Proxectos Teatrais. A montaxe Semente de dramón, co-producida por Ancoraxe Escénicas e Compañía Morraoconto impúxose nesta nova edición e contará cun mínimo de 40 representacións en cidades e vilas de todo o país. Ademais, as compañías gañadoras recibirán 4.200 euros da fundación e outros 15.000 achegados polo Centro Dramático Galego.
A obra, con dirección de Sara Rey e Rafa R. Martínez parte do texto teatral de Manuel María Semente de dramón dos medios de comunicación. O xurado apuntou que o proxecto “revisita a farsa de Manuel María botando man de referentes actuais, tanto estéticos como conceptuais, que afondan no bombardeo informativo ao servizo dunha sociedade na que a masa dilúe as individualidades e o capitalismo acaba sendo esa Pantasma Famenta que nos devora na súa arela globalizadora”. Tamén se destacou que “afonda no procedemento satírico de Manuel María apoiándose nun elenco e nun equipo artístico ecléctico, que bota man de diferentes ferramentas escénicas (música, cancións, coreografías) para achegar a mensaxe e a estratexia satírica de Manuel María”.
O xurado estivo presidido polo Quico Cadaval, dramaturgo e narrador de Ribeira, e contou con Paula Carballeira, Cristina Domínguez e Alberte Ansede, Presidente da Fundación Manuel María, que actuou con voz mais sen voto. O certame está convocado pola Fundación e Casa-Museo Manuel María coa colaboración das Deputacións da Coruña e Lugo; do Centro Dramático Galego; das Mostras de Teatro de Ribadavia e Cariño e dos concellos da Coruña, As Pontes, Ames, Arteixo, Barbadás, Betanzos, Brión, Cangas, Cambados, Carballo, Cariño, Carral, Catoira, Cedeira, Culleredo, Melide, Moaña, Monforte, Negreira, O Barco, O Grove, Oleiros, Padrón, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Ribeira, Sada, Santiago, Tomiño, Verín, Vilagarcía e Viveiro.



