José Manuel Antonio Lustres Rivas, compañeiro e amigo de Castelao, mestre de xornalistas, vinculado o nacionalismo, militante do movemento agrarista foi ”paseado” hai 90 anos no alto da Concheira en Trasmañó (Redondela). A súa voz lúcida e independente foi violentamente silenciada polo terror golpista o 10 de novembro de 1936, cando foi asasinado sen xuízo nin garantías legais, converténdose nun dos máis dolorosos símbolos da represión cultural da Guerra Civil en Galicia.

O ribeirense Lustres Rivas representa un dos casos máis paradoxais da historia contemporánea de Galicia: mestre de xornalistas, autor literario prolífico e amigo íntimo de Castelao, a súa memoria sufriu durante décadas un notable esquecemento. Este baleiro derivou en boa medida da súa tráxica morte tras o golpe de estado de 1936 e da consideración crítica dalgúns sectores intelectuais nas décadas de 1970 e 1980, que interpretaron como unha «traizón» a evolución e moderación ideolóxica dos seus últimos anos.
A reivindicación da súa traxectoria comezou a cobrar impulso a través de iniciativas coincidindo co 50 aniversario do seu asasinato en 1986. A raíz deste movemento, o Concello de Ribeira nomeouno Fillo Predilecto a título póstumo o 5 de decembro de 1986, colocouse unha placa conmemorativa e dedicoulle a rúa onde se erixía a súa vivenda natal. Décadas despois, a administración municipal consolidou esta homenaxe outorgándolle o seu nome ao centro cultural da localidade e reeditando en formato facsimilar en 2016 o seu volume de ensaios Pandemonium (orixinal de 1917). Malia estas accións no seu concello de orixe, o autor continúa a ser un gran descoñecido en cidades fundamentais para o seu periplo vital e profesional, tales como Ourense ou Vigo.
Orixe familiar, anos composteláns e relación con Castelao
Lustres Rivas naceu en Santa Uxía de Ribeira o 10 de xaneiro de 1888, no seo dunha familia acomodada conformada polo piloto de buque mercante José Lustres González e María Rivas Otero. Esa desafogada posición económica permitiulle trasladarse a Santiago de Compostela para cursar o bacharelato e iniciar posteriormente a carreira de Medicina.
No ambiente compostelán, Lustres descubriu a súa vocación literaria e xornalística, o que o levou a abandonar as aulas de medicina para dedicarse por completo ás letras e o debate de ideas. Foi un dos asiduos ao lendario faladoiro compostelán do Café Colón, onde forxou unha sólida amizade con figuras destacadas da cultura galega, de xeito moi sobranceiro con Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Daquela complicidade xuvenil xurdiu a revista “Galicia Moza” (1909), impulsada polo grupo e ilustrada por Castelao. O proxecto, de manifesto espírito iconoclasta, romántico e audaz, sufriu as reticencias das imprentas compostelás debido á presión clerical, polo que acabou estampándose en Vilagarcía de Arousa nos talleres de “Galicia Nueva”. Nese mesmo ano de 1909, Lustres asinou no primeiro número de Vida Gallega o artigo «Los que triunfan», considerado o primeiro eloxio público dedicado a Castelao.
Tamén estreitou lazos con autores españois que estaban en auxe nesa época. Coñeceu a Lorca na súa estadía en Vigo en 1932 con La Barraca, e desde entón creouse unha gran amizade. Lustres dedicaríalle varios textos en honra do granadino na sección «Actualidades viguesas».

O exercicio do xornalismo combativo e a militancia agrarista
A andaina nos medios de comunicación de Manuel Lustres Rivas caracterizouse por unha dedicación incansable e por etapas de intenso compromiso político-social,
Tras colaborar con medios como El Miño, Galicia Nueva, Gaceta de Galicia ou El Noticiero de Vigo, incorporouse como redactor a soldo no Faro de Vigo entre 1909 e 1912. Trasladouse a traballar no Heraldo de Vigo e asinou en 1912 o «Manifesto de Agosto» en Ourense con Basilio Álvarez para promover a transformación do agro galego. Asumiu a dirección de Acción Gallega (1912-1913) e posteriormente a de El Heraldo Gallego (1913), desde onde despregou unha loita oratoria e xornalística implacable contra o caciquismo.
O ton combativo dos seus textos motivou que en setembro de 1914 o bispo de Ourense, Eustaquio Ilundain y Esteban, prohibise aos cregos colaborar co seu rotativo baixo pena de pecado mortal e retirada de licenzas eclesiásticas. As asfixiantes demandas e presións derivaron no peche do xornal e nunha sentenza por inxurias en 1916 contra o presidente da Deputación de Ourense, pola cal Lustres foi condenado a un desterro de 50 quilómetros xunto co líder obreiro Heriberto Pérez.
Despois de fundar en 1915 a publicación La Crónica en Vigo, exerceu en 1917 como xefe de redacción de El Parlamentario en Madrid, dirixido por Basilio Álvarez, do cal remataría afastándose polo seu radicalismo. De volta en Galicia, pasou por La Concordia e, en xullo de 1922, Valentín Paz-Andrade elixiuno redactor xefe do xornal de referencia Galicia, recoñecéndoo como un dos profesionais máis solventes do sector.
mbro trasládano ao calabozo de Redondela co pretexto de comparecer perante o tribunal. O día seguinte é sacado do calabozo canda outros catro detidos cara a Vigo, o transporte detense na Concheira (Trasmañó) e é asasinado sen xuízo nin consello de guerra. O día 10 a familia identifica o seu cadáver desfigurado aos 48 anos de idade.
Os seus restos mortais foron inicialmente soterrados en Redondela e repousan hoxe no cemiterio vigués de Pereiró. Xunto con Roberto Blanco Torres, converteuse nunha das plumas máis senlleiras do xornalismo galego truncadas pola violencia arbitraria sen ningún tipo de procedemento legal, pechando así a traxectoria dun dos observadores máis lúcidos e activos da Galicia do primeiro terzo do século XX .
Por Xosé María Fernández Pazos. Historiador, Xornalista e Cronista Oficial de Ribeira



