
O Centro Social de Abanqueiro vai acoller este xoves 12 de novembro (ás 16.30 horas) unha xornada de traballo arredor do libro As tolas que non o eran, de Carmen V. Valiña. Trátase dun obradoiro sobre as internas de Conxo e o uso da psiquiatría como ferramenta de control a disidencia feminina que será impartido pola propia Carmen V. Valiña. Organiza a Deputación da Coruña a través da súa Área de Igualdade, contándose colaboración do Concello e do Centro de Información á Muller (CIM) de Boiro.
A través deste encontro, promoverase a reflexión sobre a memoria das mulleres e a visibilización de historias que permaneceron durante anos ocultas.
A cita toma como punto de referencia o traballo de investigación recollido en As tolas que non o eran, obra creada nas Residencias Artísticas Mariñán de pensamento no 2024 e galardoada co Premio Losada Diéguez de investigación. O libro recupera as experiencias das mulleres internadas no manicomio de Conxo entre 1885 e 1936, moitas delas aldeás, pobres, analfabetas ou consideradas rebeldes.
A través das páxinas, a autora reconstrúe as vidas de mulleres que foron afastadas da sociedade e cuxas historias permiten reflexionar sobre os mecanismos de control exercidos na sociedade.



