Familias de Rois achegan propostas para facilitar a crianza en galego

10 Novembro 2026

Familias do Concello de Rois participaron o pasado sábado, 7 de novembro, na xornada Criar en galego, acompañadas pola concelleira de Educación, Cultura e Lingua, Victoria Quiroga, e pola técnica de Normalización Lingüística municipal, Inmaculada Seage. O encontro celebrouse na Casa das Asociacións de Cornes, en Santiago de Compostela, co obxectivo de compartir experiencias e recoller propostas para facilitar o uso do galego na crianza e na vida cotiá.

As familias de Rois contribuíron coa súa experiencia a identificar os produtos, contidos e servizos en galego que botan en falta, así como boas prácticas que axudan a empregar a lingua no ámbito familiar. As súas achegas sumáronse ás das demais familias participantes para trasladar necesidades concretas ás empresas, institucións e profesionais que poden darlles resposta.

A xornada, organizada pola Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega (Alingua) e o Consello da Cultura Galega (CCG), reuniu vinte familias vinculadas ao programa municipal Apego, xunto con representantes políticos e técnicas de normalización lingüística dos concellos participantes. A iniciativa desenvolveuse no marco do acordo de colaboración que veñen de asinar ambas as entidades.

Da lectura e o xogo aos servizos e ao lecer

O traballo organizouse en catro mesas temáticas, nas que se analizou a presenza do galego nos contidos audiovisuais e nos medios; nos libros, xoguetes e xogos; nas compras e nos servizos; e nas actividades de lecer fóra da casa.

As persoas participantes abordaron cuestións próximas ao día a día das familias, como a dispoñibilidade de debuxos animados, videoxogos ou aplicacións en galego, a atención no comercio, a configuración dos dispositivos e a oferta de actividades extraescolares, deportivas ou de campamentos na nosa lingua.

Como preparación para o encontro, as familias realizaron un traballo de observación nos seus fogares co apoio do caderno Vivir en galego en familia. Nel recolleron carencias, boas prácticas e propostas que serviron como punto de partida para o diálogo. A sesión rematou cunha posta en común para priorizar as necesidades detectadas.

A información recadada servirá de base para que o Consello da Cultura Galega deseñe un estudo cuantitativo de maior alcance e permitirá trasladar demandas concretas ao tecido produtor e empresarial.

A apertura institucional contou coas intervencións da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; do presidente de Alingua, Ramón Varela; e da presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra. Durante a xornada ofreceuse tamén un servizo de ludoteca para facilitar a participación das familias e favorecer a socialización en galego das crianzas.

O Concello de Rois agradeceu “a implicación das familias do municipio e a súa contribución para avanzar nunha oferta máis ampla de recursos e servizos que facilite vivir e criar en galego”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Dereitos sociais e narcisistas” – José Manuel Pena

“Dereitos sociais e narcisistas” – José Manuel Pena

Quen pode estar en contra do incremento do Salario Mínimo Interprofesional, do incremento dos orzamentos para a sanidade pública, a educación pública, para a construción de vivendas públicas; para o mantemento e incremento do ingreso mínimo vital ou das pensións non...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.