Calquera persoa encargada dunha exposición bibliográfica ou literaria sabe que unha das tarefas máis complexas consiste en decidir as páxinas polas que se deixa aberto cada volume. Detrás da vitrina, o libro só ofrece dúas planas. Con elas, o visitante recibe a imaxe que, a xuízo dos responsables da mostra, mellor vai definir un autor. Nesa responsabilidade traballamos as pasadas semanas na Cátedra de Estudos Galegos da Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa para preparar «13+13. Autoras galegas e lusófonas en diálogo», aberta ata o 26 de novembro na Sala de Exposicións do centro.
A directora da Cátedra, Ana María Sánchez Tarrío, comisariou a mostra co apoio do Consello da Cultura Galega e o patrocinio de ABANCA Portugal. Trece escritoras galegas comparten espazo na FLUL con outras trece de lingua portuguesa, procedentes de Portugal, do Brasil, de África e de Asia. As vitrinas mesturan autoras galegas e da lusofonía, e convidan a percibir afinidades, pero tamén distancias entre traxectorias literarias e vitais moi diversas. Os retratos dos paneis cumpren, igualmente, unha función semellante á das páxinas abertas a ollos dos que visitan a exposición: amosan o seu rostro e deixan intuír todas as peculiaridades das escritoras alí representadas.
María Xosé Queizán comparte vitrina, por exemplo, con Maria Isabel Barreno, coautora das Novas Cartas Portuguesas. Aquel libro de 1972 levou as súas tres autoras ante os tribunais da ditadura de Marcelo Caetano, sucesor de Salazar. Mentres tanto, Queizán reflexionaba ao norte do Miño sobre a condición da muller desde as coordenadas dun feminismo aberto e rompedor. Luísa Villalta, poeta, profesora e violinista, dialoga con Sophia de Mello Breyner Andresen, Premio Camões en 1999 e unha das voces maiores da poesía portuguesa do século XX. Ambas coidaron o son do verso con rigor musical. A brasileira Nélida Piñon, descendente de emigrantes galegos e autora de A república dos soños, conversa con Ana Romaní e María Reimóndez arredor da experiencia colonial, da viaxe e do desarraigamento.
A Cátedra de Estudos Galegos da FLUL, fundada en 1995, reuniu ao longo destes anos un fondo bibliográfico galego que permite estudar alí con relativa facilidade boa parte da nosa literatura contemporánea. Levar Galicia a Lisboa importa, e moito: ese foi o propósito fundacional da Cátedra. Porén, o camiño debe percorrerse por igual en sentido contrario. As vitrinas de «13+13» propoñen ese diálogo nas dúas direccións, en continuidade con outras actividades da Cátedra como o ciclo «Vidas Paralelas», onde un persoeiro galego e outro portugués conversan a partir das afinidades biográficas e intelectuais que os unen. Co mesmo espírito, a Cátedra convoca, xunto coa RAG, o Premio Semente de microensaio, que alcanza xa a súa terceira edición. A Universidade de Lisboa e o Consello da Cultura Galega están a preparar tamén un protocolo de colaboración estable. A propia mostra «13+13», pola súa banda, ha ter prolongación natural nun libro-catálogo.
O 26 de novembro terá lugar o acto de clausura da exposición. Os volumes, moitos deles adquiridos con este motivo, pasarán aos andeis da biblioteca da FLUL. Ata entón, cada páxina aberta fai de unión, de vao entre dúas linguas, na imaxe cuñada por Vladislav Íllich-Svítych (1934-1966). Svítych, nado en Kiev, dedicou a súa curta vida á lingüística histórica e deixou un poema composto en nostrático, a hipotética lingua nai de varias familias que el mesmo tentou reconstruír: «A lingua é un vao no río do tempo, / lévanos á morada dos que foron. / Pero non chega ata alí / quen lle ten medo ás augas profundas».



