
O festival solidario Kids&Us volverá reunir fondos a favor da Fundación Andrea a través da colaboración do Concello de Ribeira e a dita academia de inglés radicada no municipio; unha cita programada para o domingo, 6 de decembro, ás 19.00 horas, no Auditorio Municipal.
Na presentación participaron o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño; a directora da Fundación Andrea, Amaya Castro; e Lorena Romero e Verónica Hermo, directora e coordinadora da referida academia, respectivamente,

Indicaron que o formato será similar ao do ano pasado, enmarcándose na programación municipal do Outono Cultural, previa ao Nadal. Unha trintena de nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 13 anos subiranse ao escenario e serán os protagonistas da gala, tanto por estar presentada por eles mesmos integramente en inglés (aínda que tamén haberá a presenza da linguaxe de signos) como por asumir a interpretación das cancións, teatro e baile.
“O Nadal é sinónimo de solidariedade e temos a proba nos numerosos eventos que se organizan para recadar fondos a favor de diferentes entidades, nesta ocasión, da Fundación Andrea. A rapazada será a protagonista desta xornada ao ser feita por nenos e para nenos. Os estudantes da academia de inglés conducirán unha gala que busca axudar a mellorar a calidade de vida daqueles con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais. É alentador ver este tipo de iniciativas que se promoven de xeito altruísta por parte da nosa sociedade e para o Concello de Ribeira é toda unha honra poder colaborar con tan nobre causa na que se combina educación, participación e solidariedade.”, salienta o edil.
Doutra banda, Lorena Romero indicou que no ano pasado recadaron 1.000 euros; unha cifra que agardan superar nesta edición. Así mesmo, sinalou que a academia de inglés xa leva moito tempo colaborando coa Fundación Andrea mediante outras propostas diferentes á gala.
Pola súa parte, Amaya Castro animou á sociedade de toda a comarca a involucrarse neste festival e anunciou que haberá un posto informativo sobre o labor da entidade no propio Auditorio.
As entradas xa están á venda a un prezo de 5 euros no local de Kids&Us, situado na rúa Xohana Torres, ata o propio día da gala.



