
Este luns 7 de novembro o Pazo de Goiáns vai acoller unha sesión informativa de gran relevancia para as familias con adolescentes na casa. Trátase da charla Normativa e perigos do ocio nocturno impartida por Martín Camba, policía local en Santiago de Compostela. A sesión, enmarcada no marco do programa Boiro en familia do Proxecto EnClave, celebrarase ás 18.30 horas no Pazo de Goiáns.
Abordaranse cuestións como as saídas nocturnas e todas as cousas que teñen que ter en conta as nais e os pais, como o consumo do alcol, o acceso a locais nocturnas, as posíbeis infraccións, as responsabilidades, os perigos, a lexislación e todo o que poden facer as nais e os pais para axudar aos seus fillos a desfrutar dun xeito seguro e responsábel.
Como dixemos, a charla encádrase no proxecto Boiro en familia, un espazo de información, orientación, formación e acompañamento familiar e charlas formativas para familias, alumnado e docentes con persoal especializado.
Este mes de novembro o proxecto inclúe dúas xornadas, sendo a deste luns 9 de novembro a primeira das dúas. A segunda das charlas será o venres 27 de novembro ás 18.30 horas no Pazo de Goiáns e leva por título Pantallas, móbiles e redes: claves prácticas para familias de nenos, nenas e adolescentes. Estará impartida por Alberto Soler, psicólogo xeral sanitario, escritor e divulgador e nela achegaranse as claves prácticas para acompañar o uso dos dispositivos e das redes sociais durante a nenez e a adolescencia.
O obxectivo destas charlas é “acompañar ás familias, compartir ferramentas abordar xuntas cuestións que preocupan e forman parte do día a día”. As sesións son gratuítas e para participar é necesaria inscrición previa mediante o teléfono 981 84 84 25 ou o formulario web dispoñíbel na páxina municipal.



