
Sergio Alba, cómico e humorista galego, vai presenta en Boiro o seu espectáculo de humor Dous rombos… Pasa para a cama, un espectáculo que pon o foco no pasado e a través do cal o artista bota a vista atrás para reconfortarse (e reconfortarnos) na felicidade vivida nas nosas idades máis temperás. Porén, advirte, “o certo é que ademais de fermosas lembranzas, hai tamén moitas cousas das que quizais non nos sentimos demasiado orgullosos, e que sempre é mellor enfocar desde o punto de vista do humor”.
Neste espectáculo o monologuista da Ulloa achegaranos, “entre moitas risas”, a aquel tempo no que nos mandaban para a cama, poñendo dous rombos na pantalla do televisor. “Unha época na que pasamos do branco e negro á cor, sen darnos apenas conta, e que foi abrindo paso pouco a pouco a unha nova forma de ver e vivir a realidade”, adianta o autor deste espectáculo retro-activo, unha proposta que (só) precisa da nosa parte que “queiramos desenchufarnos da rutina dixital e aceptar o reto de rirnos do noso lado máis analóxico”.
A cita, será no emblemático local A Pousada da Galiza Imaxinaria o domingo 29 de novembro, ás 19:30 horas. As entradas anticipadas a prezo reducido, xa están dispoñíbeis na web apousada.eu e tamén en Boiro, no propio local e en Baldani Concept Store.




