O BNG de Ribeira valorou de forma positiva o anuncio da Xunta de Galicia de iniciar, antes de que remate o presente ano 2026, a licitación do novo polígono industrial de Pedras Vermellas a través da empresa pública Xestur. Non obstante, a formación nacionalista advertiu de que manterá unha estrita vixilancia sobre os prazos para evitar que a actuación quede de novo nun simple compromiso político baleiro.
O voceiro municipal e exalcalde, Luís Pérez Barral, subliñou que esta decisión supón unha rectificación por parte do Executivo autonómico e avala o modelo que a súa formación defendeu durante o seu paso pola alcaldía: que a administración autonómica asumise o custo e a execución dun proxecto inasumible para as arcas municipais. Segundo lembrou Barral, esta vía fora rexeitada en reunións anteriores celebradas en 2024 e 2025.
«O tempo acabou dándonos a razón. A Xunta asume agora a fórmula que o BNG defendeu desde o primeiro momento. O importante é que se vai dar un paso adiante, pero imos vixiar que non volvamos quedar nun anuncio electoral», apuntou o portavoz, quen fixo fincapé en que durante o seu mandato se lograron pechar a compra dos terreos e a aprobación do proxecto de urbanización.
A formación nacionalista lembrou o prexuízo económico que supuxeron catro décadas sen solo empresarial no municipio, un período no que diversas empresas se viron forzadas a trasladarse a outras localidades por falta de espazo para expandirse ou asentarse.
Diante do compromiso de licitación antes do peche de 2026, Barral remarcou que o obxectivo final é «pasar das fotos e dos titulares a que as máquinas entren en Pedras Vermellas», urbanizando os terreos e poñendo parcelas a prezos competitivos para atraer investimento, xerar emprego de calidade e fixar poboación xuvenil no concello.




