A CIG As Rías fixo este martes un chamamento público á clase traballadora para sumarse á manifestación comarcal convocada para o vindeiro mércores 11 de novembro en Ribeira. A marcha partirá ás 12:00 horas desde o Mercado Municipal co obxectivo de denunciar a suba desmedida dos prezos dos bens básicos e esixir medidas que impidan que sexan os traballadores quen asuman o custo da crise.
A mobilización forma parte da campaña que o sindicato desenvolve desde antes do verán fronte á inflación acumulada en servizos esenciais como a enerxía, os combustibles, a alimentación e, de xeito moi salientable, a vivenda. A central advirte de que a escalada dos alugueiros na comarca do Barbanza obriga a moitas persoas a destinar máis da metade do soldo a manter un teito, o que demostra que dispoñer dun posto de traballo «xa non garante poder vivir dignamente nin chegar a fin de mes».
Desde a representación sindical sinalan tamén que os incrementos salariais acadados mediante a negociación colectiva quedan anulados polo ritmo da inflación: «Estamos conseguindo melloras nos convenios, pero despois, a través do alugueiro, da gasolina ou da comida, quítannos máis do que conseguimos subir».




