A Pobra do Caramiñal acolleu este martes 3 de novembro a presentación da 12ª edición da ruta de tapas Barbanza Arousa + Q Tapas, organizada pola Mancomunidade Barbanza Arousa (formada polos concellos da Pobra, Ribeira, Boiro e Rianxo) coa colaboración da Deputación da Coruña.
O comezo da + Q Tapas terá lugar esta vindeira fin de semana en Rianxo os días 6, 7 e 8 de novembro. Os establecementos participantes deste concello son: Castelao, Vilar, O Costillar, Xuntanza, Atalaia, Evis, Bar Fox, Pimen, Nova Era, A Lareira e Aghro da Corna (so para comensais).
A continuación trasladarase a Boiro os días 13, 14 e 15; a fin de semana do 20, 21, e 22 celebrarase na Pobra do Caramiñal e a ruta de tapas deste 2026 concluirá no concello de Ribeira os días 27, 28 e 29.
Todos os domingos pola mañá celebrarase no concello no que teña lugar a ruta de tapas unha cata comentada dos viños da I.X.P. Terras do Barbanza e Iria dirixida por un sumiller.
Como é costume, poderanse conseguir agasallos mediante os tíckets que se entregarán nos establecementos participantes con cada consumición. Os premios poderán conseguirse a través da participación na ruleta que estará dispoñíbel os domingos.
“Este ano contaremos coa participación de preto de 50 locais, que se suman con entusiasmo a esta iniciativa”, destacou José Carlos Vidal, presidente da Mancomunidade Barbanza Arousa.

O obxectivo da Mancomunidade é “resaltar a riqueza gastronómica do territorio, así como os viños da IXP Barbanza e Iria, fomentando a actividade hostaleira en tempada baixa”, sinalou.




