
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou este martes 3 de novembro dous novos espectáculos itinerantes encadrados no programa FalaRedes impulsado polo seu departamento (Consellería de Cultura e Lingua): a sesión multiartística O son do ar e máis a nova xira da familia de Os Bolechas.
Segundo sinalou, o programa vén de reforzarse no marco da posta en marcha das iniciativas do Plan de Normalización da Lingua Galega que a Xunta desenvolve xa tras a aprobación no Parlamento pola ampla maioría dos grupos.
García apuntou que se trata dunha das medidas “coas que poñemos o foco na infancia e na familia” e que supón, tal e como detallou, “unha importante ferramenta de dinamización da lingua, especialmente entre a cativada, sobre todo en contextos periurbanos”.
Por unha banda, Valentín García erixiu o espectáculo multiartístico O son do ar nun “recurso que prestixia a lingua a través da danza, o canto, a narración e a poesía en directo”, á vez que “rende unha homenaxe á emigración galega do pasado século”.
Trátase dunha proposta que conta coa narración de Luís Iglesia, coa voz de Paty Lesta, a danza de Ricardo Fernández, o piano de Cristian Leggiero e o caixón de Moisés Fernández, baixo a dirección artística de Iván Villar. Poderá verse o 8 de novembro en Viveiro (Lugo), o 4 de decembro no Barco de Valdeorras (Ourense) e o 22 de decembro na cidade de Lugo.
Os Bolechas en 21 concellos

Ademais, o responsábel de lingua acaba de presentar unha nova xira de Os Bolechas que nesta edición chegará a un total de 21 concellos, baixo o título Aquí hai moito ruído, tamén ao abeiro do programa FalaRedes.
Así, tal e como se detallou na presentación, as funcións dos bonecos televisivos comezarán este venres en Valga (Pontevedra) e continuarán o sábado en Ordes (A Coruña) e o domingo en Abegondo (A Coruña). O xoves 12 chegarán á Teixeira (Ourense), o 13 a Padrón (A Coruña) e o 14 aos tamén municipios coruñeses de Coristanco e e Arzúa.
Outes, Bergondo e Ares (A Coruña) serán as seguintes paradas os días 15, 22 e 26, mentres o 27 visitarán Baiona (Pontevedra).
Xa en decembro, o día 4 e 5, Os Bolechas actuarán nas localidades coruñesas de Negreira e Fisterra, respectivamente. O 6 o espectáculo trasladarase a Palas de Rei (Lugo), o 11 a Rois e o 12 a Carral, ambos os dous na provincia da Coruña. Tamén o 12, gozarán dos personaxes en Cerdedo Cotobade (Pontevedra), facendo as últimas paradas o 13 de decembro en Allariz (Ourense) e en Vedra (A Coruña), Cedeira (A Coruña) e Begonte (Lugo) con datas aínda por confirmar.
Toda a información coas datas, lugares e horarios poden consultarse no Portal da Lingua Galega.



