
O Concello de Boiro saca a licitación as obras para a execución dunha aula gastronómica no Mercado Municipal de Boiro. Trátase dunha actuación dun importe de 507.939,61 euros e que conta cunha parte financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Segundo explican dende o Goberno local, as actuacións que se pretenden levar a cabo mediante este proxecto “buscan equipar o espazo multiusos do anexo ao Mercado Municipal cunha cociña híbrida que permita realizar funcións de obradoiro de transformación, cociña formativa e eventos gastronómicos abertos á cidadanía”.
Esta primeira fase do proxecto centrarase na implantación do equipamento principal, adaptando o espazo para a realización de actividades como cursos formativos e de transformación e conserva de alimentos; actividades divulgativas e promocionais, mercados de produtos ou eventos tipo demostracións culinarias (showcooking). Ademais habilitarase unha sala cerrada para xuntanzas e outros eventos e actividades.
O proxecto atopase en fase de presentación de ofertas polo que as empresas interesadas deberán presentar as súas propostas mediante a Plataforma de Contratos do Sector Público ata o 12 de novembro.



